Data:
A FEGAMP, en colaboración con UNICEF Comité Galicia e a Consellería de Política Social, convídalles ás IV Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia “Estratexias para promover a Participación Infantil e Adolescente no ámbito municipal” que terán lugar os vindeiros martes 14 e mércores 15 de decembro en formato en liña.
A iniciativa Cidades Amigas da Infancia de UNICEF ten o obxectivo de impulsar un modelo de xestión municipal centrado nos dereitos de infancia. Coa implantación desta iniciativa, contribúen a mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, mediante a promoción e a implantación de políticas municipais que garantan o seu desenvolvemento integral desde un enfoque de dereitos. Para isto, é básico promover no ámbito municipal a participación infantil e adolescente, un dereito básico e un dos catro principios fundamentais da Convención sobre os Dereitos do Neno.
Nestas xornadas compartirase a realidade presente no noso territorio, as ferramentas para facer efectivo o dereito a participar dos nenos, nenas e adolescente no ámbito municipal e algunhas boas prácticas expostas desde diferentes concellos.
Polas materias a tratar é recomendable a asistencia de alcaldes/as, concelleiros/as e técnicos con competencias en materia de infancia, familia ou servizos sociais, así como profesionais de entidades que desenvolvan o seu labor profesional no ámbito dos servizos sociais, educación ou protección de menores.
Parar consultar dúbidas contactar con Marta Andrade de UNICEF Comité Galicia: mandrade@unicef.es
Para inscribirse é necesario facelo a través desta ligazón dende hoxe mesmo ata o día 10 de decembro: https://ciudadesamigas.org/galicia-4-jornadas-formativas/