Máis de 40 concellos reúnense na Fegamp para traballar na nova ordenanza de autocaravanas

Data: 

mércores, 25 Setembro, 2019 - 10:00
reunión de traballo de alcaldes e alcaldesas na Fegamp polo tema da normativa de autocaravanas

Santiago de Compostela 25 de setembro de 2019.- Este mércores celebrouse na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) unha reunión de traballo á que acudiron representantes de máis de 40 concellos galegos para achegar as súas suxestións de cara á redacción da nova ordenanza para autocaravanas que se intentará estea en vigor para o próximo verán.

Ademais da parte positiva que se desprendeu da reunión pola achega de autocaravanas a territorio galego, baseada no aumento do turismo na comunidade e a repercusión económica que isto supón para os concellos, o presidente da Fegamp, Alfredo García, tamén recolleu as diferentes problemáticas coas que se atopan os municipios á hora de xestionar este recurso: “ unha das cuestións principais é que os concellos carecen de áreas de servizo polo que, sobre todo nos concellos pequenos, deberán contar con financiamento para a súa creación”, explicaba.

Outro problema co que se atopan os municipios son os vertidos que estes vehículos xeran: “hai que prestar uns servizos que as autocaravanas xeran, e os autocaravanistas teñen que ser conscientes de que deben pagar por eses servizos xa que de ningún modo teñen porqué ser gratuítos ”, aseguraba García. Pero os problemas tamén están relacionados co uso indebido de espazos públicos xa que, segundo resumía García: “ os representantes municipais trasladáronnos que nalgúns casos os autocaravanistas aparcan e fan noite en lugares prohibidos para tal fin,  facendo un uso indebido dos espazos públicos xa que tenden roupa, abren toldos ou fan comida á grella en zonas prohibidas”, recalcaba o presidente.

Outra cuestión que resaltou na celebración desta reunión foron os problemas e restricións para a creación de áreas para autocaravanistas en espazos pertencentes á REDE NATURA – nas que se atopan moitas praias do litoral galego - xa que a normativa non permite a creación de áreas especializadas para este fin dentro deses espazos. Aclarar e solucionar este problema na nova normativa foi outra das cuestións trasladadas á dirección da Fegamp como moi importantes.

Tamén saíron á luz outros problemas coas queixas veciñais derivadas do uso indebido destes espazos públicos sobre todo nos casos que as áreas de servizo están masificadas. Os problemas veñen da man da mencionada ocupación de prazas de aparcamento non destinadas para autocaravanas ou o uso de espazos públicos de forma indebida: “a veciñanza tamén ten que encontrarse cómoda coa achega de autocaravanistas aos seus concellos polo que a nova normativa debe contemplar tamén as solicitudes das veciñas e veciños para unha boa convivencia entre a cidadanía e o turismo que se achega en autocaravana a visitar un lugar”, explicaba Alfredo García.

Ademais os concellos trasladaron tamén a imposibilidade para controlar este tipo de vehículos xa que en moitos casos non teñen policía local ou o número de efectivos é insuficiente para realizar este control: “ a vixilancia e control das autocaravanas tamén é unha problemática para os concellos e na reunión de hoxe pediuse por exemplo ter a posibilidade de contratación de auxiliares de policía local para tal fin” explicaba García.

Como vemos os problemas coas autocaravanas son variados e a súa solución implica a outras administracións: “para solucionar esta cuestión entran en xogo outras normativas e departamentos autonómicos como a Lei de Costas, Augas de Galicia, as diferentes Confederacións, etcétera, que terán que implicarse na redacción da normativa para aclarar os lugares nos que se pode ou non aparcar ou acampar xa que os autocaravanistas buscan aparcamentos en zonas paisaxísticas”, explicaba o presidente.

Tras poñer riba da mesa todas as cuestións que se terán en conta para a redacción da ordenanza, o presidente da Fegamp asegurou que os próximos pasos a dar desde a Federación serán a convocatoria de reunións cos diferentes departamentos implicados nesta problemática como poden ser a consellería de Medio Ambiente, Augas de Galicia, Confederacións Hidrográficas, DX de Turismo, etcétera. A idea do organismo municipal é que a normativa xa estea totalmente en vigor no próximo período estival.

 

Imaxes da reunión na Fegamp para traballar na nova normativa para autocaravanas