MANIFESTO 25 N - CONCELLOS GALEGOS POLO BO TRATO - 2022

Data: 

mércores, 9 Novembro, 2022 (Todo o día) a sábado, 26 Novembro, 2022 (Todo o día)

 

A liberdade, a seguridade e a integridade son dereitos inherentes ó ser humano incuestionables e, como tales, non poden limitarse por circunstancias temporais ou espaciais nin tan sequera pender de ningún criterio, moito menos pola condición de xénero. A natureza esencial destes principios obriga a que non baste con que sexan respectados; deben estar garantidos sen fisuras cos medios legais e económicos precisos e coa defensa sen concesión por parte da sociedade –auténtica titular do poder nun sistema democrático-, que debe exixir que isto sexa así. Con motivo deste novo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Federación Galega de Municipios e Provincias manifesta a firme convicción e determinación das entidades locais galegas para erradicar calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas e achegados e achegadas, vítimas todas do machismo, xa que o maltratador leva por medio a quen considere con tal de que ela sufra. Ademais da física, repudiamos calquera outra forma de agresión machista: psicolóxica ou emocional, sexual, económica, acoso, vexación... tanto no eido persoal coma laboral. Dende o municipalismo facemos un chamamento á responsabilidade común, tanto de institucións coma da cidadanía, no problema da violencia de xénero. Ninguén pode mirar para outro lado. Cadaquén debe asumi-la súa responsabilidade no problema e na solución deste. Cómpre unha reflexión sincera por parte de todos e todas e acción conxunta. Unha vez máis, as entidades locais comprometemos traballo arreo, sen escatimar esforzos nin medios dentro das nosas posibilidades, priorizando as políticas e medidas contra a violencia de xénero fronte a calquera tipo de maltrato e facilitando e fomentando a colaboración do resto das administracións e da cidadanía. Apostamos pola información e concienciación dos dereitos e ferramentas aplicables para cada situación, facendo o que estea na nosa man, tanto no noso espazo coma fóra del, para que quen os precise acceda a eles. A Fegamp pide tamén, en nome das entidades locais galegas, os medios necesarios para o labor e que se afaste esta loita da pugna ideolóxica, porque non cabe ningún tipo de negación desta cruel realidade e que no punto de mira de todos e todas só deben esta-la liberdade, a seguridade e a integridade para tódalas persoas. Os concellos queren lanzar, por último, unha mensaxe de esperanza e forza para todas estas mulleres que están a sufri-la violencia machista e a calquera que sufra o maltrato de xénero. Lembrámoslles que non teñen por  que toleralo baixo ningunha forma e que estamos ó seu carón para axudalas a saír. Animamos por tanto as vítimas e a calquera que teña coñecemento dalgún caso a da-lo paso para pór fin á inxustiza. Contan connosco.

Poñemos á disposición e alentamos a facer propio o noso Decálogo #PoloBoTrato:

1. Empregar linguaxe libre de connotacións sexistas.

2. Integra-la perspectiva de xénero nas nosas decisións.

3. Difundir unha imaxe non sexista da muller.

4. Traballar na prevención da violencia machista e promoción dos valores de igualdade e respecto entre toda a poboación, especialmente a máis nova.

5. Fomenta-la ética e a corresponsabilidade nas tarefas e o coidado tanto de menores coma de persoas dependentes.

6. Identificar e emenda-las posibles deficiencias que atopemos no ámbito municipal na loita contra a violencia cara ás mulleres.

7. Respecta-la conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e a igualdade de oportunidades no cadro de persoal.

8. Promover unha representación equilibrada de mulleres e homes en tódolos ámbitos de actuación municipal.

9. Rexeita-la contratación de actividades en que se ofreza unha imaxe sexista da muller.

10. Prestar especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon Texto do manifesto367.13 KB