Data:

Na súa viaxe ás diferentes rexións de Venezuela, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, tivo a oportunidade de ir ao Centro Galego de Maracaibo, onde se reuniu coa directiva e realizou un percorrido polas súas instalacións.
Durante a visita á Oficina de Atención Social da entidade (financiadas pola Secretaría Xeral da Emigración), Miranda constatou que, ademais do importante labor de información e apoio aos galegos e galegas que máis o necesitan, para o acceso ás axudas da Xunta, tamén se realiza un destacado labor de asesoramento ás persoas que queren retornar a Galicia, como primeiro lugar de atención, antes de poñerse en contacto coas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao retorno da Xunta de Galcia.
No posterior encontro coa directiva do Centro Galego de Maracaibo o secretario xeral da Emigración aproveitou para agradecer o apoio das entidades galegas na difusión da Estratexia Galicia Retorna. Tamén tivo ocasión de coñecer as necesidades específicas da comunidade galega no Estado de Zulia, os desafíos e os logros alcanzados polo centro, así como os plans futuros para seguir desenvolvendo o seu labor social e fomentando a cultura e a identidade galegas en Maracaibo.
Durante a súa visita ás instalacións, Miranda puido observar as actividades e os servizos que o Centro Galego ofrece á comunidade. “Percorrer as instalacións permitiume apreciar o esforzo e o compromiso do centro en manter viva a herdanza cultural de Galicia, proporcionando un espazo de encontro e apoio para os galegos residentes na cidade e o seu entorno”.
Ademais, a visita de Miranda reforzou a mensaxe de que a Xunta de Galicia mantén unha relación estreita e un compromiso firme cos seus cidadáns e cidadás no exterior. “A través deste tipo de encontros, a Xunta busca non só apoiar as iniciativas culturais e sociais dos centros galegos, senón tamén recoñecer o papel crucial que xogan na preservación dos vínculos das novas xeracións de galegos nados no exterior, que poden facer posible no futuro a decisión do retorno a Galicia".