Miranda comparte coa multitudinaria familia galega de Venezuela o inicio das celebracións do próximo Nadal

Data: 

sábado, 2 Decembro, 2023 (Todo o día)
Caracas (Venezuela), 2 de decembro de 2023.

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, visitou Caracas onde participou no tradicional "acendido do Nadal" na Hermandad Gallega de Venezuela, un evento multitudinario que congrega á gran familia galega en Caracas e que marca o inicio das celebracións do próximo Nadal. 

Ao longo da tarde desenvolvéronse actuacións tradicionais do Nadal de Venezuela e non faltou unha destacada actuación da artista galega Lucía Pérez, que puxo esa parte de tradición galega, sempre presente nos eventos dos nosos centros.

Miranda asegurou que o acto de acendido das luces “foi máis que unha mera celebración festiva; representou a luz da esperanza e a solidariedade que a Xunta de Galicia mantén cos galegos residentes en Venezuela. Foi un momento para reforzar os lazos culturais e reafirmar o compromiso da Xunta coa comunidade galega no exterior”.

O concerto de Nadal da Hermandad, xunto coa actuación de Lucía Pérez, destacaron a riqueza cultural de Galicia e a súa vibrante tradición musical. “Estes eventos foron oportunidades para que a comunidade galega en Venezuela celebrase as súas raíces e mantivese viva a súa identidade cultural”, asegurou.

A través destas actividades, a Xunta de Galicia buscou non só celebrar a época festiva coa súa comunidade en Venezuela, senón tamén reforzar a mensaxe de que, a pesar da distancia, Galicia segue estando moi presente e comprometida co benestar dos seus cidadáns e cidadás no mundo.

Escoitar