Data:
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia unha visita oficial a Arxentina e Uruguai do 24 ao 26 de novembro, cunha axenda centrada no reforzo das relacións institucionais e no apoio á colectividade galega no exterior.
O obxectivo desta viaxe é reafirmar o compromiso da Xunta de Galicia coa diáspora e abordar os desafíos e oportunidades que afrontan os galegos e galegas en ambos países. A visita incluirá reunións clave con representantes institucionais, así como actos culturais e de recoñecemento ás comunidades galegas locais.
A viaxe concluirá con encontros con representantes diplomáticos de España en Arxentina e Uruguai, co que o secretario buscará vías para mellorar a colaboración consular e diplomática, co fin de prestar unha mellor asistencia ás cidadás e cidadáns galegos.
Miranda asistirá a eventos significativos como a Gran Romería Gallega en Bos Aires e os actos culturais en centros galegos en Montevideo, mostrando o apoio institucional ás actividades que promoven a cultura galega no exterior.
O secretario xeral participará tamén na entrega de diplomas aos mozos e mozas que tomaron parte nos diferentes programas como “Conecta con Galicia”, “Conecta co Camiño” e “Conecta co Voluntariado”, enfatizando a importancia de manter a conexión coa terra natal e o compromiso coa educación e integración cultural. Tamén estará cos nosos e nosas maiores que participaron no emotivo programa “Reencontros con Galicia”.
"Esta viaxe é unha expresión do noso firme propósito de manter de xeito permanente os lazos coa nosa xente alén dos mares e asegurar que Galicia segue presente nos seus corazóns e vidas. Queremos escoitar as súas historias, entender os seus retos e celebrar xuntos as nosas tradicións, garantindo que a identidade galega non só se preserve, senón que tamén floreza no exterior."
Esta viaxe reafirma o compromiso da Xunta de Galicia con cada un dos seus cidadáns e cidadás, non importa a parte do mundo onde se atopen."