Data:
O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia, inaugurará o vindeiro martes 21 de novembro no Kiosco Alfonso da Coruña a mostra As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. O escritor e xornalista Xesús Fraga (Londres, 1971) é o comisario deste proxecto, que relata a través de obxectos e outros documentos as historias dos seus protagonistas. Na Coruña tamén terá lugar o concerto conmemorativo do 40º aniversario do CCG. Será o venres 24 de novembro a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Víctor Pablo Pérez e cun programa no que destaca a estrea absoluta de Terra, de Juan Durán.
O Montserrat e o seu xemelgo Begoña foron dous barcos da compañía transatlántica que fixeron as travesías entre Galicia e o Reino Unido, un itinerario polo que entre 1960 e 1974 se trasladaron uns 240 000 galegos e galegas. O primeiro dos barcos dálle nome á exposición, que traza, desde outro punto de vista, un dos fluxos migratorios menos visibilizados da emigración galega. Desta volta, son os seus protagonistas os que nos contan aquelas viaxes entre os portos galegos e británicos a través de fotografías, filmacións, documentos e obxectos náuticos e cotiáns, xunto con outros materiais. É a memoria emocional de varias xeracións que cambiaron o rumbo das súas vidas e, con elas, tamén o do seu país. A mostra, que conta coa colaboración do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia, estará aberta ata o día 14 de xaneiro.
Concerto institucional
O venres 24 de novembro terá lugar no Palacio da Ópera da Coruña o concerto conmemorativo do 40º aniversario do Consello da Cultura Galega, que se integra dentro do programa de abono da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). No concerto estrearase Terra, cantata para solista, coro e orquestra, elaborada expresamente para a ocasión polo recoñecido compositor galego Juan Durán sobre textos de Ramón Cabanillas. O concerto contará co coro da OSG, dirixido por Carlos Mena e Javier Fajardo, e co barítono Javier Franco. O programa inclúe tamén a Sinfonía nº 3 en mi bemol maior, op. 97 «Renana» de Robert Schumann.