Novos retos na colaboración de FEGAMP e UNICEF na defensa da infancia

Data: 

martes, 29 Xullo, 2025 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, reuniuse coa presidenta de UNICEF Galicia, María Montalvo, e con Rosalía Núñez, técnica de Sensibilización e Políticas de Infancia.

Na reunión avaliouse o labor en común desenvolvido neste tempo,na promoción nos concellos galegos da iniciativa de Cidades Amigas da Infancia e na participación da xornada anual, como na conmemoración do Día Mundial da Infancia cada 20 de novembro. De feito, o actual convenio de colaboración para a promoción do programa Cidades Amigas da Infancia (CAI) entre os concellos galegos, foi asinado en 2018 polo que ambas organizacións valoraron que sería moi oportuno poder promover un novo convenio que de maior impulso á iniciativa, para o que achegarán este asunto á Consellería de Política Social, que tamén forma parte deste convenio.

Dende UNICEF Galicia destacaron a necesidade de traballar nunha nova lei de Infancia e Adolescencia de Galicia, que actualice a normativa actual e que poña o foco na intervención sobre a saúde mental na infancia, para o que dende a FEGAMP se ofreceu colaboración nese labor.

REUNIÓN PRESIDENTA UNICEF GALICIA