O acordo e a colaboración entre a FEGAMP e a Consellería de Sanidade vai permitir comezar 2026 coa integración no SERGAS das 13 UAD

Data: 

martes, 16 Decembro, 2025 (Todo o día)

A integración das UAD supón un paso decisivo para poder garantir o mantemento deste servizo esencial no futuro.

Este acordo supón un sistema organizativo máis adecuado, atendendo á tipoloxía do servizo, o que garante que os pacientes destes servizos poidan seguir contando cunha atención integral dun xeito máis adecuado.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) confirma que os 13 concellos que dispoñen de Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) aprobaron en prazo nos seus plenos o traspaso dos servizos e os medios persoais e materiais da cada UAD ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Estes 13 concellos son Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, Ourense, Pontevedra, O Porriño, Ribeira, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa e Vigo. E o seguinte paso para a integración se dará o mércores 17 de decembro coa súa aprobación no marco da Comisión Mixta do Traspaso e a súa posterior elevación ao Consello da Xunta, para que o vindeiro 1 de xaneiro de 2026 estes centros xa dependan orgánica e funcionalmente do SERGAS. Posteriormente, o persoal destas Unidades poderá optar por integrarse no marco estatutario do SERGAS que, en todo caso, será un proceso voluntario.

A integración das UAD no SERGAS era unha das reivindicacións históricas do municipalismo galego, solicitado en reiteradas Asembleas da FEGAMP.  Supón un paso decisivo para poder garantir o mantemento deste servizo esencial no futuro, dadas as dificultades que actualmente tiñan os concellos para poder contratar persoal sanitario en base á normativa vixente. Este acordo supón un sistema organizativo máis adecuado, atendendo á tipoloxía do servizo, o que garante que os pacientes destes servizos poidan seguir contando cunha atención integral dun xeito máis adecuado

Foi no ano 2018 cando se constituíu unha primeira comisión entre a FEGAMP e a Consellería de Sanidade no que o obxectivo final era definir como se realizaría ese traspaso. Trala elaboración dun informe preliminar de necesidades para a integración da rede de centros no Servizo Galego de Saúde. 

Dentro dese proceso, en marzo de 2021, o Parlamento de Galicia aprobou unha moción na que se “instaba á Xunta de Galicia a que acordase coa FEGAMP o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao SERGAS os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria, que é a administración autonómica “.

Despois de múltiples xuntanzas con representantes da Consellería de Sanidade - SERGAS e cos concellos afectados, o pasado ano 2024 constituíuse a Comisión Mixta, formada por representantes da Xunta de Galicia e da FEGAMP,  necesaria para realizar o traspaso conforme ao disposto na normativa vixente. Esta Comisión foi a encargada de realizar os correspondentes relatorios de recursos humanos e patrimonio, traballos que culminaron o pasado 9 de outubro coa proposta de integración que veñen de aprobar os concellos nos seus respectivos plenos.