O Acordo FEGAMP-CORREOS suporá un aforro de 2,1 Millóns de euros para os concellos no 2015

Os municipios galegos xa deixaran de gastar o ano pasado máis de 1,7 millóns en envíos postais.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ven de asinar con Correos o acordo que permitirá un ano máis dar continuidade ao programa de colaboración que ambalasdúas institucións manteñen ininterrompidamente desde 1995. 

O acordo, que se refire a todo tipo de envíos postais (cartas certificadas e ordinarias, notificacións, bureau fax, paquetería…), suporá para o conxunto dos concellos galegos un aforro que superará os 2,1 millóns de euros ao longo deste ano 2015, e todo malia o incremento tarifario que se producíu no presente exercizo. 

Esa reducción será posible gracias ao aumento dos volumes de envíos, ben por depósitos que os municipios non estaban realizando en Correos ate o de agora, ben pola incorporación ao acordo de máis entidades locais, como o Concello de A Coruña, que se sumou a él recentemente. 

A unión de todos os volumes, polo tanto, é a que facilita a reducción do gasto dos concellos neste capítulo ano tras ano: no 2014, os municipios galegos deixaron de gastar máis de 1,7 millóns de euros por mor do acordo. 

A entente entre Fegamp e Correos asinada hoxe terá efectos económicos desde o pasado 1 de xaneiro, de tal xeito que cando entre en vigor beneficiará aos municipios a través dos propios descontos derivados do acordo, máis os correspondentes aos dous primeiros meses do ano. 

Os concellos galegos son na actualidade o segundo cliente institucional máis importante de Correos na comunidade por número de envíos postais e paquetería, máis de 7,5 millóns en total no 2014, só superados como tal pola Xunta de Galicia. 

O programa de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e Correos inclúe tamén, entre outras accións, a participación do ente postal na publicación trimestral da Fegamp, ‘Concellos Galegos’.

Poden acceder ao texto íntegro do acordo na sección 'Documentación', apartado 'Convenios', desta páxina web.