Data:

Vinte e dous concellos concellos galegos manifestaron interese en ser seleccionados, despois de que Xermade o fose o ano pasado
O proxecto CELRURAL foi recoñecido co premio internacional “Roger Léron” á innovación na transición enerxética, entregado por FEDARENE
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025.- O Concello de Moeche (A Coruña) resultou seleccionado para desenvolver o segundo piloto en Galicia do proxecto CELRURAL, para a implementación de enerxías renovables en zonas rurais mediante comunidades enerxéticas locais.
A comunicación oficial desta selección se celebrou esta mañá nunha reunión celebrada na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), como socia do proxecto, na que participaron a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e Pablo Álvarez, do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). Pola FEGAMP participaron a súa secretaria xeral, Patricia Vilán, e a técnica de proxectos europeos, María Lamelas.
Na reunión avaliouse o proceso seguido para esta selección, proceso que comezou co encontro informativo celebrado na FEGAMP o pasado 20 de marzo no que participaron unha trintena de concellos para coñecer todas as cuestións sobre a segunda convocatoria de financiamento para comunidades enerxéticas rurais dentro do proxecto CELRURAL.
De seguido, vinte e dous concellos manifestaron o seu interese en participar no proceso de selección, no que tiveron que achegar información sobre o compromiso co proxecto e con todo o vencellado coas comunidades enerxéticas locais, sobre a infraestrutura existente e sobre a implicación de tecido económico e social local. Tamén se comprobou a condición de concello en transición xusta e participante no reto demográfico, a localización da futura instalación e a participación na convocatoria anterior do proxecto.
O proceso rematouse coas entrevistas aos concellos que presentaron as propostas máis axeitadas, acadando Moeche a puntuación máis alta. E con todo feito, na recente xornada de seguimento do proxecto CELRURAL celebrada en Ávila se adoptou a decisión de que fose Moeche o segundo concello galego en desenvolver o piloto de comunidade enerxética local, despois de Xermade, que xa foi seleccionado o ano pasado e que exemplifica como se pode aproveitar o uso de fontes de enerxía renovables de forma eficiente e colaborativa, compartindo enerxía entre os puntos de xeración e os consumidores locais, contribuíndo así á sustentabilidade enerxética e o desenvolvemento local.
Despois de ser seleccionado, o concello de Moeche celebrará unha vindeira xuntanza en xuño para comezar a desenvolver unha folla de ruta exhaustiva cun orzamento de 50.000 euros, que englobará iniciativas técnicas para a monitorización do consumo eléctrico e os coeficientes de reparto, para a formación dos socios locais participantes, para a promoción e a difusión do proxecto, entre outras iniciativas , para rematar todo no final do primeiro semestre de 2026.
Premio internacional Roger Léron ao proxecto CELRURAL
O proxecto CELRURAL ven de ser recoñecido recentemente co premio “Roger Léron” á innovación na transición enerxética, entregado pola Federación Europea de Axencias e Rexións para a Enerxía e o Medio Ambiente (FEDARENE). A este premio optaron preto de cen proxectos.
O premio foi recollido polo director da división de Enerxía e polo enxeñeiro de Enerxía de ITG, Santiago Rodríguez e Pablo Álvarez, respectivamente, na gala celebrada en Bruselas a semana pasada, sendo ITG a entidade que lidera o proxecto CELRURAL.
O propio premio presidiu a reunión, por cortesía de Pablo Álvarez, compartindo o recoñecemento coa FEGAMP e coas demais entidades socias do proxecto.
O proxecto CELRURAL está financiado con fondos europeos do programa de cooperación transfronteiriza Interreg POCTEP España-Portugal, e conta coa participación da FEGAMP, da Fundación Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), da Universidad do Algarve, da Comunidade Intermunicipal do Cávado, da Universidad de Sevilla, da Agência Regional de Energía e Ambiente do Algarve (Areal), da Diputación Provincial de Ávila, e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA).