O Consello de Contas informa á FEGAMP sobre o seu congreso conmemorativo dos 40 anos da lei de bases de réxime local

Data: 

martes, 24 Xuño, 2025 (Todo o día)

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, recibiu ao conselleiro Maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, con quen mantivo unha reunión de traballo sobre futuros proxectos de colaboración entre ambas institucións.

Concretamente, o máximo responsable do Consello de Contas presentou os obxectivos e a programación do «Congreso 1985-2025: 40 anos de bases de réxime local e do control externo local en Galicia», que se vai celebrar na Coruña nos días 15 e 16 de setembro.

O Congreso ten como principal obxectivo configurarse como un foro de diálogo e debate que reúna á representación da Administración Local, nas súas múltiples vertentes e voces protagonistas, para facer balance destes 40 anos de bases de réxime local e marcar as liñas dos retos pendentes para as próximas xeracións da xestión pública local. 

Dende o Consello de Contras confirmaron que van rexistrados xa cen participantes, e que se conta coa participación de persoas expertas  de relevancia nacional e internacional no ámbito da xestión pública como Carles Ramió (Catedrático da Universitat Pompeu Fabra), Santiago Lago-Peñas (Catédratico de Economía Aplicada da USC), Francisco Velasco Caballero (Catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense), Ismael Peña-López ( investigador e exdirector da Escola de Administración Pública de Cataluña) ou Alfredo Galán (Director da Fundación Democracia y Gobierno Local), entre outras.

Na reunión tamén participaron o conselleiro de Corporacións Locais do Consello de Contas de Galicia, Simón Rego, e a secretaria Xeral da FEGAMP, Patricia Vilán.