O especial Historias de ida e volta documenta o labor educativo da emigración galega en América

Data: 

xoves, 30 Novembro, 2023 (Todo o día)

A colectividade galega emigrada alén mar impulsou centos de iniciativas para promover a construción de escolas nos seus lugares de orixe, pero tamén nos países de acollida. En Cuba, A Arxentina, O Uruguai, O Brasil, México e Venezuela creáronse academias e centros educativos para atesourar os vínculos das novas xeracións coa lingua e cultura galegas. A nova entrega de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, reflicte en vinte imaxes e documentos algúns dos proxectos educativos desenvolvidos pola emigración galega en América.

Promover o desenvolvemento educativo e cultural nos lugares de orixe foi un dos obxectivos compartidos polos galegos e galegas que emigraron a América. A través de proxectos impulsados polas sociedades microterritoriais e doutras iniciativas de carácter individual financiadas polos indianos, edificáronse numerosos colexios ao longo de toda Galicia. Porén, ese compromiso co labor educativo estivo tamén presente nos países de destino, onde a emigración galega puxo en marcha a creación de escolas e institucións formativas. “A construción destes centros non foi tarefa doada, pero a súa consecución supuxo a representación dos galegos e galegas como grupo étnico dentro dos países de acollida e tamén cumpriu o propósito de asegurar o vínculo das novas xeracións descendentes de emigrantes coa lingua e cultura de Galicia”, subliña a entrega número 34 de Historias de ida e volta. Baixo o título “A pegada educativa da emigración galega en América”, o especial escolma algunhas imaxes dos proxectos educativos desenvoltos pola colectividade galega nos principais destinos migratorios.

O Plantel Concepción Arenal foi unha desas iniciativas e aínda hoxe “continúa a ser un referente no sistema educativo cubano como centro de estudo de numerosas xeracións de nenos e nenas cubanas”, indica a entrega. Fundado polo Centro Galego da Habana, a escola contaba cunha ampla oferta de estudos e cun corpo docente do máis alto nivel educativo. No especial inclúense, xunto cunha fotografía do edificio que alberga o colexio, imaxes dos mestres e mestras que impartiron as súas ensinanzas durante o ano 1909 e outra das alumnas e das súas profesoras no curso académico 1933-1934. Ademais, incorpórase unha mostra das clases de corte e confección, destinadas unicamente ás mulleres, e das de mecanografía, así como o diploma que se entregaba ao alumnado ao remate do ano académico.

A colectividade galega que emigrou ao Uruguai tamén apoiou a construción de dous centros educativos na súa capital: a Escuela Galicia, chamada así por proposta do galeguista Antón Crestar, e a Escola Curros Enríquez, financiada pola Casa de Galicia de Montevideo co fin de ofrecer formación educativa aos socios e socias da entidade. Mentres, en Caracas, cómpre salientar a fundación en 1965 da Unidad Educativa Colegio Castelao, cuxa misión era “ofrecer unha educación integral e de calidade ás novas xeracións” nun contexto de difusión da lingua e cultura galegas e das tradicións propias de Venezuela. Así se explica no especial, que inclúe entre os seus materiais algunhas fotografías destes centros, dos seus actos de inauguración, das súas aulas ou do seu alumnado. Tamén se documenta a creación do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol de Bos Aires no ano 1998, que constitúe “o primeiro centro educativo galego oficial creado fóra de Galicia”.

Completan a nova entrega de Historias de ida e volta unha fotografía da profesora estradense María Concepción Pazo Álvarez, quen traballou como mestra no Colegio Madrid de Cidade de México; outra imaxe da tamén docente emigrada a Venezuela Pura Vázquez; unha fotografía da inauguración do II Curso de Iniciación Cultural Galega, organizado pola Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (Bos Aires, 1957), e unha do grupo de baile Caballeros de Santiago tras asistir a un seminario de danza tradicional galega organizado en Salvador de Bahia no ano 2018.

O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de trinta entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

34. A pegada educativa da emigración galega en América en Historias de ida e volta

O impacto económico e cultural das e dos emigrantes galegos en Galicia é un fenómeno suficientemente abordado nas distintas publicacións científicas sobre o proceso migratorio. Así e todo, o seu coñecemento continúa perfeccionándose coa ampliación de estudos de investigación, que sempre acaban achegando novos datos e curiosidades e contribuíndo á reconstrución da memoria colectiva da emigración galega.

Ir a ligazón