Data:

Coincidindo coa conmemoración do “27 de Setembro, Día Mundial do Turismo”, a FEGAMP promove este foro para sensibilizar sobre o valor social, cultural, político e económico do turismo
O foro será inaugurado pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; pola subdirectora xeral adxunta de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística, Alicia Lillo; e polo presidente da FEGAMP, Alberto Varela.
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025.- A Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) vai celebrar o Foro Local de Turismo de Galicia durante a mañá do vindeiro martes 23 de setembro no Hotel OCA Puerta del Camino, en Santiago de Compostela.
Este foro ten por obxectivo analizar a profunda transformación turística na que está inmersa a Unión Europea que, a través dos fondos Next Generation, busca minimizar os impactos negativos no medio ambiente e nos eidos locais, e garantir beneficios a longo prazo.
En Galicia o turismo representa entorno ao 11% do PIB e representa a actividade principal en numeroso concellos. Ademais, no período 2022-2026 mais de 35 entidades locais galegas están a xestionar ou beneficiarse de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD), un instrumento dentro do compoñente 14 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con Fondos Next Generation, parar abordar os retos e desafíos dos concellos galegos cara un modelo de xestión turística sostible, eficiente e consciente.
En total, en Galicia estánse a xestionar neste momento entorno a 100 millóns de euros de fondos Next Generation por entidades locais destinados á transformación do modelo de xestión turística apostando pola sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a dixitalización e a mellora da gobernanza.
Por isto, a FEGAMP quere poñer en valor esta histórica mobilización de recursos no eido local dende este Foro Local de Turismo de Galicia que está especialmente dirixido a persoas responsables políticas e técnicas de turismo e fondos europeos de concellos e deputacións, e a xerentes e técnicos de empresas e asociacións sectoriais relacionadas coa actividade turística. As inscricións para participar se realizan dende a web da FEGAMP.
O foro comezará o martes 23 ás 9:30 horas coas intervencións institucionais da alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; de Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia; de Alicia Lillo, subdirectora xeral adxunta de Desenvolvemento e Sustentabilidade Turística do Ministerio de Industria e Turismo; e do presidente da FEGAMP, Alberto Varela.
Baixo o título “Desenvolvemento turístico local: gobernanza público – privada e competitividade” se celebrará a primeira mesa na que participarán Mauricio Repetto (concelleiro de Turismo de Lugo); Romina Fernández (directora de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevdra); Jesús Picallo, (vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia); e Enma González, xerente do INORDE da Deputación de Ourense. Esta mesa será presentada e moderada por Ana Trevisani, presidenta de OPC Galicia (Asociación Galega de Organizadores profesionais de Congresos).
A seguinte mesa terá o título de “A xestión local do Turismo: calidade dos servizos” na que participarán Ana Ermida (vicepresidenta da Mancomunidade de concellos da Mariña e alcaldesa de Barreiros); Fátima Cachafeiro (xerente da Mancomunidade de Barbanza – Arousa); e David Castro (presidente da Mancomunidade do Salnés). A alcaldesa de Maceda, Uxía Oviedo, presentará e moderará esta mesa.
A terceira mesa abordará “As boas prácticas de Turismo sustentable no contexto dos fondos NextGenerationEU” coas intervencións de Fe Álvarez (xerente do GDR Montes e Valles Orientais, programa Experiencias); Xosé Regueira (vicepresidente da Deputación da Coruña, PSTD Cabo Ortegal), Cristina Rico (técnica do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, PSTD Ribeira Sacra – Courel); y será moderada e presentada por Eva Solla, xerente do Xeodestino Baixo Miño.
O foro rematará coas intervencións do director xeral de Cohesión Social e Fondos Europeos, Ángel Tarrío, e da secretaria xeral da FEGAMP, Patricia Vilán.

Sede Electrónica