Data:
O 14 de setembro na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias tiña lugar unha xornada sobre a implantación da Administración Electrónica nos concellos galegos.
A base da xornada foi o troco de opinións, de informacións, e a resolución de dúbidas sobre a implantación da Administración Electrónica na administración local galega. O foro foi moderado polo responsable TIC da Fegamp, Raúl Fernández, e pola Directora da Área de Modernización da Administración da AMTEGA, Mª José García Sixto. A AMTEGA e os representantes das deputacións explicaron o procedemento que están levando a cabo en cada ámbito de actuación en materia electrónica en colaboración cos concellos de Galicia.
O interese xerado por esta xornada quedou patente na participación acadada xa que chegaron a estar representados ata 70 responsables TIC dos concellos, e tamén se contou coa presenza de alcaldes e alcaldesas interesados en poñerse ao día nesta cuestión. Entre as conclusións que se desprenderon da xornada está “o convencemento de que se está ante un tema complexo no que os responsables TIC se atopan con problemas —tanto de índole administrativa, coma informática ou operativa— para levar a cabo este trámite que os concellos queren xestionar da forma máis operativa posible”, aseguraba Raúl Fernández. Pero na xornada sobre todo se fixo fincapé en que “ademais deses problemas puntuais e atrancos, o problema principal ao que se enfrontan os concellos é a falta de medios e de persoal pola imposibilidade dos concellos para contratar”, pero aínda así “quedou patente o interese municipal por poñer en marcha a Administración Electrónica nos concellos coa maior celeridade posible”, aseguraba o coordinador da Fegamp, Raúl Fernández. A intención da Fegamp coa organización desta xornada era a posta en común de información e a procura de solución conxuntas a problemas similares e neste senso foi un éxito.