Data:

Acordo da mesa de traballo para que o ISSGA, como órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, centralice a elaboración da proposta deste protocolo
Na reunión celebrada hoxe, e promovida pola FEGAMP, participaron representantes da Xunta de Galicia, da Delegación do Goberno, das asociacións empresariais do sector e dos sindicatos máis representativos
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) albergou hoxe a primeira xuntanza da mesa de traballo para a elaboración dun protocolo de seguridade para o persoal do Servicio de Axuda no Fogar (SAF).
Na reunión acordouse que o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) elaborase unha proposta de texto para este protocolo dada a súa condición de órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, encargado da coordinación das políticas públicas de seguridade e saúde laboral para a mellora das condicións de traballo co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.
Na elaboración da proposta para este protocolo se terían en conta as achegas recibidas e a idiosincrasia propia da actividade do SAF, para poder despois poder acadar un acordo sobre a mesma e sobre a súa aplicación.
Esta foi a principal conclusión da reunión celebrada hoxe, despois do tráxico suceso no que a traballadora do SAF, Teresa de Jesús González, foi presuntamente asasinada pola parella da persoa dependente que atendía no desenvolvemento do seu traballo no Porriño (Pontevedra), e que FEGAMP acordara promover esta mesa de traballo composta por todas as partes implicadas no SAF no ámbito das súas competencias como administracións, das súas relacións laborais, das súas condicións de seguridade e do seu coñecemento profesional da actividade.
Neste tempo, a FEGAMP xestionou a participación da Xunta de Galicia, do Goberno, das asociacións empresariais do sector (Agesaf e Asade), das organizacións sindicais máis representativas (CCOO, CIG e UGT) e do Colexio Oficial do Traballo Social de Galicia, convocando esta primeira xuntanza toda vez que se tivo o compromiso de participación de todas as institucións e organizacións convocadas. Daquela, a Xunta de Galicia estivo representada polo ISSGA e pola Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, e a Delegación do Goberno estivo representada pola súa Secretaría Xeral.
Para Alberto Varela, presidente da FEGAMP, a reunión “foi moi produtiva, contando coa implicación e a colaboración de todas as institucións e organizacións participantes cara a avanzar de xeito áxil na elaboración do protocolo” e serviu para “avaliar de xeito particular as dificultades na aplicación das medidas preventivas de riscos no desenvolvemento da actividade das persoas profesionais do SAF sobre as persoas dependentes que atenden nos seus domicilios”, tendo en conta que “a alta demanda deste servizo e as particulares condiciones territoriais de cada concello, xunto coa falta de financiamento que padece, fan cada vez máis complicada a súa xestión polos concellos”.






Sede Electrónica
