Data:

O Consello Federal da FEGAMP aprobou sen votos en contra a posición do municipalismo galego na reclamación da mellora do financiamento público que reciben os concellos por dereito
O presidente da FEGAMP, Alberto Varela, repasou no seu informe as diversas liñas de colaboración coa Xunta, destacando a actual negociación do financiamento do SAF e atasco nos traballos na delimitación de competencias
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou hoxe o seu Consello Federal, o órgano máximo entre asembleas encargado de desenvolver as resolucións aprobadas. Neste órgano avaliouse todo o traballo desenvolto durante este curso político e aprobouse a posición do municipalismo galego na reclamación da mellora do financiamento público que reciben por os concellos por dereito.
O Consello Federal da FEGAMP aprobou de xeito unánime reclamar ao Goberno de España “a autorización para que os gobernos locais podan destinar o seu superávit á inversións financeiramente sostibles nos anos 2025 e 2026, ou incluso con vixencia indefinida” en liña co acordo unánime adoptado recentemente pola Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que tamén reclamaba “a actualización das entregas a conta da participación das entidades locais nos Tributos de Estado para 2025” e “a liquidación definitiva da Participación en Tributos do Estado correspondente a 2023”, ambas cuestións resoltas recentemente vía Real Decreto-Lei, que terá que ser validado polo Congreso dos Deputados.
Para acadar o máximo consenso na posición da FEGAMP, decidiuse votar por separado, e foi aprobada sen ningún voto en contra e 8 abstencións, á reclamación á Xunta de Galicia dun “incremento do Fondo de Cooperación Local (FCL) que permita paliar ou reequilibrar a desviación a favor da Xunta advertida na evolución do financiamento dos entes territoriais de Galicia nos últimos anos” e que “os recursos obtidos polos concellos con cargo ás dotacións orzamentarias do FCL teñan carácter de financiamento incondicionado”. Tamén se reclama á Xunta avanzar na senda da “integración paulatina no FCL das axudas e subvencións anuais que destina ás entidades locais para o maior respecto á autonomía financeira e á suficiencia local”, e rematar coa “aprobación dunha Lei autonómica específica de regulación da Participación nos Ingresos da Comunidade Autónoma dos concellos galegos consensuada coa FEGAMP na que se clarifique a participación anual e os criterios de reparto.” Estas reclamacións foron aprobadas de xeito unánime na última Asemblea Xeral da FEGAMP celebrada en novembro de 2023.
O presidente da FEGAMP, Alberto Varela presentou o seu informe, no que fixo un exhaustivo repaso ás posicións adoptadas e ás iniciativas desenvolvidas pola FEGAMP neste período. No informe, Varela destacou que “cando se está a falar da necesaria reforma do financiamento público das administracións autonómicas, os concellos galegos reivindicamos o financiamento xusto que nos corresponde, xa que non estamos dispostos a que se consolide a idea de que somos a administración subsidiaria das outras, sendo a administración máis próxima á cidadanía deberíamos recibir toda a atención e os recursos que precisamos para poder cumprir esa función”.
Varela reiterou a urxencia da “reforma e a actualización do financiamento público que recibimos os concellos por dereito, permitindo poder facer fronte aos novos retos que como administración pública máis próxima tamén temos”.
Alberto Varela salientou no seu informe que “dende o municipalismo galego estamos sempre abertos á colaboración en iniciativas e medidas promovidas tanto da Xunta de Galicia como polo goberno central, como acredita os procesos de diálogo mantidos coa maioría das Consellerías para avanzar, por exemplo, na promoción de vivenda dispoñible e pública, prevención de incendios, contra a avespa velutina, na renovación dos convenios para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), na devolución de terreos portuarios aos concellos, nos traballos para a integración no SERGAS das Unidades de Atención ás Drogodependencias, nos plans de I+D+i e as súas posibilidades no eido local e na loita contra a violencia escolar”, entre moitas liñas de colaboración abertas.
Tamén no informe o presidente sinalou que “os traballos na delimitación de competencias, para evitar que os concellos sigamos a ter que atender, e sen o seu financiamento, competencias e servizos que son responsabilidade da Xunta, precisan do impulso dos anteriores procesos de colaboración sinalados” polo que Alberto Varela espera contar “co compromiso da Xunta, para poder ter resolto este asunto satisfactoriamente para ambas partes antes de rematar 2025”.
Especial atención mereceu no informe o proceso de negociación coa Consellería de Política Social, para mellorar a achega da Xunta Galicia para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a quen achegóuselle toda a información de custos do SAF recabada pola FEGAMP, ademais da firme vontade de acadar un acordo de mellora do financiamento do SAF, como paso adiante cara o cumprimento do financiamento ao 100% por Xunta e Ministerio de Dereitos Sociais, ministerio que aínda non atendeu a solicitude de reunión da FEGAMP.
Alberto Varela lamentou que aínda “non se tivera en conta á FEGAMP para os traballos da nova Lei de Administración Local de Galicia” polo que “dende o municipalismo galego contamos con que dende a Xunta se reconducirá esta situación e se contará con nós na elaboración da lei que máis pode afectarnos. Ninguén entenderá que non sexa así” rematou o presidente da FEGAMP.

Sede Electrónica