Data:

Video resumo do III Encontro de alcaldesas e concelleiras
A FEGAMP celebrou o III Encontro de alcaldesas e concelleiras, no que anunciou un acto en homenaxe a Maruja Gómez, primeira alcaldesa elixida democráticamente en Galicia no ano 1936 na Cañiza
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2026.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) ven de celebrar o III Encontro de alcaldesas e concelleiras sobre o labor das mulleres como xestoras públicas e emprendedoras, incorporando a perspectiva europea.
O encontro celebrouse baixo o lema “As mulleres, xestoras do cambio. O papel de Europa” no marco das iniciativas que FEGAMP vai desenvolver para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Este ano a conmemoración da FEGAMP pon o foco nas mulleres como xestoras transformadoras dos seus pobos, cidades, e institucións, como xa se adiantou no seu manifesto. E seguindo esta liña, nos contidos do encontro profundouse sobre a perspectiva europea vencellada coa promoción da xestión pública e do emprendemento.
E faino salientando o labor esencial que desenvolven alcaldesas, concelleiras e outras responsables institucionais e técnicas para garantir a continuidade, a estabilidade institucional e a mellor atención, mesmo en situacións complexas como recentemente aconteceu coa pandemia do Covid, e tamén para facer fronte a un dos maiores desafíos do municipalismo como foi a xestión dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, coñecidos como Next Generation EU.
E dende o municipalismo galego, representado pola FEGAMP, tamén se evoca a Maruja Gómez, a primeira muller alcaldesa elixida democráticamente en Galicia no ano 1936 na Cañiza, a quen vai adicar un acto conmemorativo o vindeiro 13 de marzo en colaboración co Concello da Cañiza. Nesa conmemoración tamén se evoca ás seis alcaldesas galegas elixidas en 1979 nos concellos de Cualedro, Petín, Ramirás, Verín, Sandiás e San Cibrao das Viñas, e a todas as mulleres que foron e van asumindo as alcaldías nos concellos galegos.
Por iso, a FEGAMP reivindica o compromiso do municipalismo galego para seguir visibilizando ás mulleres como xestoras do público, exercendo o poder e eliminando barreiras que aínda dificultan a seu acceso a postos de responsabilidade, e promovemos o recoñecemento das mulleres non só como protagonistas da igualdade, senón como xestoras do cambio, responsables directas de construír, dende o ámbito local, un mellor futuro. O obxectivo é acadar acadar a paridade nas corporacións e nas alcaldías galegas nas próximas eleccións en 2027.
Para este encontro contouse con intervencións e aportacións institucionais tan importantes como a directora xeral do Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade, Cristina Hernández, e a directora de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana, que participaron nas intervencións de apertura do encontro. O presidente da FEGAMP acompañou ás directoras xerais, pero tivo que ausentarse antes de intervir, sendo sustituído pola secretaria xeral, Patricia Vilán.
De seguido abordouse o “Impacto das políticas de igualdade europeas nos concellos galegos” coa proxección das intervencións de Dolors Montserrat, Iratxe García e Ana Miranda, eurodeputadas do PP, PSOE e BNG, respectivamente.
Proseguiuse cun conversatorio con Eva López, científica e directora de Woman Emprende e impulsora de Innovatia 8.3, sobre os “Máis de 25 anos de impulso do emprendemento feminino en Galicia co apoio do Fondo Social Europeo”.
Podes acceder aos contidos desta sesión aquí
As “Novas políticas de igualdade para a transformación das entidades locais” tamén tiveron o seu espazo cunha mesa na que interviñeron Margot Lamela, María González e Ana Patricia Torres, alcaldesas de Cee, A Rúa e Boborás, respectivamente.
O encontro rematou coa intervención final de María Barral, alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta executiva da FEGAMP.
Podes acceder aos contidos desta sesión aquí

Sede Electrónica











