Data:

“O diálogo que o presidente da Xunta reclama ao Goberno de España é o mesmo que o seu goberno ten que facilitar aos concellos galegos”.
(Diálogo) para que as demandas do municipalismo galego “de mellora do financiamento local e da definición das competencias non sigan a ser as grandes ausentes do discurso”.
“O presidente da Xunta fixo mención, de pasada, á futura nova Lei de Administración Local de Galicia, non parecendo lóxico que o municipalismo galego teña que alegar no rexistro público, cando esta futura nova lei debería clarificar o financiamento local que lle corresponde aportar á Xunta de Galicia e as competencias”.
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2026.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Alberto Varela, botou en falta no discurso do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no Debate anual de Política Xeral, máis diálogo cos concellos e máis atención á súa xestión, para que “ás súas demandas de mellora do financiamento local e da definición das competencias non sigan a ser as grandes ausentes do discurso”.
“O diálogo que o presidente da Xunta reclama ao Goberno de España é o mesmo que o seu goberno ten que facilitar aos concellos galegos” enfatizou o presidente da FEGAMP, que lembrou que a Comisión Galega de Cooperación Local aínda non se convocou na presente lexislatura.
Alberto Varela manifestou que “o presidente da Xunta fixo mención, de pasada, á futura nova Lei de Administración Local de Galicia, e sendo tan importante este asunto, o municipalismo galego hai tempo que ven reclamando cambios na Lei vixente, que agora tiveron que presentarse como alegacións ante a ausencia do espazo de diálogo necesario entre a Xunta e a FEGAMP onde poder debatelas. “Non parece lóxico que o municipalismo galego teña que ir ao rexistro público, cando esta futura nova lei debería clarificar o financiamento local que lle corresponde aportar á Xunta de Galicia e as competencias”, salientou o presidente da FEGAMP, que lembrou que “como xa vimos reclamando, os concellos temos o dereito a recibir o financiamento incondicionado necesario para a xestión local, e non baixo a tutela da Xunta, de xeito condicionado, coas dificultades e desigualdades que supón”.
No texto da futura nova Lei este asunto non se vai resolver, sen atender tampouco as indicacións do Consello de Contas, que ven confirmando en anos anteriores unha falta de execución nos fondos condicionados en torno ao 25%, polo que do total de 670 millóns de euros orzamentados pola Xunta para transferir aos concellos, poderían volver a quedar sen executar uns 150 millóns de euros.
O consello de Contas tamén confirma que dos 112 millóns de euros da parte incondicionada do Fondo de Cooperación Local (FCL) o grado de execución é do 100%.
Sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o presidente da FEGAMP manifestou que “os concellos apostamos por atender ás persoas dependentes dende o mellor servizo profesional posible, e iso precisa de que o SAF sexa financiado na súa totalidade pola Xunta e polo Goberno”.
Isto non é compatible coa aposta da Xunta polo “bono coidado” de 5.000 euros/ano, que desvirtúa o recente acordo de mellora do financiamento para o SAF. “Co que a Xunta vai destinar ao “bono coidado” se podería resolver o problema de financiamento do SAF, que dende o municipalismo galego seguiremos reivindicando” indicou Alberto Varela.
Alberto Varela fixo fincapé que a “gratuidade das escolas infantís para os usuarios a pagamos os concellos, que non recibimos nin de lonxe para as escolas infantís municipais o que reciben as de titularidade privada”, sendo outro asunto pendente de resolver, e que supón máis carga económica aos concellos.
“Como xa temos proposto, habería que relanzar un novo Pacto Local, renovado con compromisos certos, dende o que abordar de xeito corresponsable e satisfactorio para ambas partes a resolución da problemática do financiamento local e as competencias, dende a participación no proceso da nova Lei de Administracións Locais de Galicia” rematou o presidente da FEGAMP.

Sede Electrónica
