Data:

A primeira parte do encontro desenvolveuse na tarde do 9 de xuño nas instalacións centráis do Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), cunha reunión técnica na que participaron representantes de todos os socios do proxecto. Ao longo da sesión, avaliouse o estado xeral do proxecto, analizáronse os progresos das seis actividades en marcha e coñecéronse as conclusións finais. Un dos momentos máis destacados da xornada foi a visita técnica aos pilotos galegos situados nos concellos de Xermade (Lugo) e Moeche (A Coruña), onde as persoas participantes puideron coñecer de primeira man o funcionamento das instalacións fotovoltaicas instaladas no marco do proxecto e falar con membros das comunidades enerxéticas. O alcalde de Xermade, Roberto García e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy tamén participaron na visita.
A xornada de difusión "Enerxía compartida: comunidades, tecnoloxía e territorio" celebrouse o 10 de xuño no Centro de Experimentación Avanzada de ITG, na Coruña, e reuniu a representantes institucionais, entidades locais, centros tecnolóxicos e persoas expertas do ámbito enerxético para reflexionar sobre o papel das comunidades enerxéticas como unha ferramenta clave para impulsar a transición enerxética no medio rural. Ao longo do encontro presentáronse experiencias reais, solucións tecnolóxicas innovadoras e distintas iniciativas públicas orientadas a promover modelos de enerxía compartida máis sostibles e inclusivos.
Tras a apertura institucional, déronse a coñecer os principais resultados do proxecto CEL RURAL, destacando o potencial das comunidades enerxéticas para xerar beneficios económicos, ambientais e sociais nos territorios rurais.
Un dos momentos centrais da xornada foi a mesa redonda sobre experiencias piloto de comunidades enerxéticas rurais, na que representantes de Xermade, Moeche, Culatra, Fontiveros e Vila Verde compartiron os seus procesos de creación e desenvolvemento, as dificultades atopadas, o grao de implicación da veciñanza e as aprendizaxes adquiridas para facilitar a replicabilidade destes modelos noutros municipios.
A continuación, desenvolveuse un panel dedicado ás iniciativas provinciais para a transición enerxética, no que as deputacións participantes expuxeron diferentes liñas de actuación para apoiar ás entidades locais en ámbitos como o impulso das comunidades enerxéticas, a mellora da eficiencia enerxética ou a aplicación da intelixencia artificial ao desenvolvemento sostible.
Posteriormente, abordouse o papel da tecnoloxía como elemento impulsor da transformación enerxética, analizando cuestións como a figura do suxeito delegado, as solucións tecnolóxicas aplicadas ao ámbito enerxético e novos modelos destinados a incrementar o valor local xerado polas comunidades enerxéticas.
A xornada pechouse coa presentación do proxecto ENECORE, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza orientada a combater a pobreza enerxética mediante o desenvolvemento de novos modelos de enerxía compartida adaptados ao medio rural.

Sede Electrónica







