Data:
A Unión Mugardesa de Instrucción foi unha asociación integrada pola numerosa colonia de emigrantes mugardeses residentes en Cuba. No ano 1912, puxo en marcha a revista La Unión Mugardesa como medio para informar sobre o funcionamento da entidade e as actividades que esta organizaba. Posteriormente, editou o boletín Unión Mugardesa de Instrucción cun fin similar ao da anterior cabeceira. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora neste mes de novembro dous números da primeira cabeceira e tres da segunda.
En 1912, a Unión Mugardesa de Instrucción empezou a editar na Habana a cabeceira La Unión Mugardesa, unha “revista mensual consagrada aos intereses da Sociedade”, tal e como se indica no subtítulo da propia publicación. Financiada polos socios e socias, tiña como obxectivos principais informar sobre o funcionamento da entidade, dar conta do seu estado económico e divulgar as actividades organizadas. De feito, no primeiro número, constátase que a publicación vén “estreitar unha vez máis os lazos de verdadeira unión existentes entre os fillos do termo municipal de Mugardos na provincia da Coruña, esparexidos polos distintos países do Novo Mundo e dos que residen naquel patrio chan, e defender os dereitos que poidan corresponderlle á Sociedade ‘Unión Mugardesa de Instrución’ establecida nesta capital”.
Entre as páxinas da revista, tamén se poden ler artigos arredor da importancia que ten a educación como base para contribuír ao progreso da parroquia. A Unión Mugardesa de Instrucción tivo como un dos seus fins fundacionais fomentar a ensinanza gratuíta entre os veciños e veciñas do seu concello natal, un labor do que deixou constancia nas páxinas do seu voceiro oficial. Así, no número publicado o 1 de xullo de 1912, pode lerse que “grande é o sentimento altruísta dos mugardeses, que, unidos como un só home, neste hospitalario país, propenden ao engrandecemento do lugar que os viu nacer (...), creando e sostendo na súa vila natal colexios a cargo de ilustrados profesores que se encarguen de elevar ao maior grao de cultura os seus conveciños”.
A publicación, de extensión variable e carente de ilustracións, distribuíase de xeito gratuíto aos socios e socias da entidade. O primeiro e o terceiro número, publicados en xullo e setembro de 1912, son os exemplares que se incorporan ao Repertorio da prensa da emigración galega.
Xunto con esta, súmase tamén aos fondos outra das cabeceiras editadas pola mesma entidade. Trátase do boletín societario Unión Mugardesa de Instrucción, do que se incorporan os números 4 (que se corresponde cun exemplar extra publicado en 1918) e os 5 e 6 (difundidos en 1922). Entre as súas páxinas atópase información arredor das actividades da entidade, o seu balance económico e o movemento dos socios. O boletín incluía tamén algunhas novas de actualidade sobre a vila mugardesa, onde a sociedade editora tiña un correspondente, e, en especial, facíase fincapé naquelas informacións relacionadas coa construción do centro escolar promovido pola asociación. Con respecto ao idioma, o boletín empregaba fundamentalmente o castelán, aínda que incorporaba algúns textos literarios en galego.
A publicidade era numerosa e os anuncios localizábanse, sobre todo, na última páxina. Ademais, tamén se podían ver retratos e fotografías de paisaxes. De periodicidade irregular, distribuíase de xeito gratuíto aos asociados.
O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.