ORDE CONXUNTA AXUDAS INCENDIOS. CAPÍTULO VI: Axudas destinadas a establecementos comerciais, mercantís e industriais afectados polos incendios.

Data: 

martes, 31 Outubro, 2017 (Todo o día) a xoves, 30 Novembro, 2017 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE conxunta do 27 de outubro de 2017 mediante a que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

 

CAPÍTULO VI
AXUDAS DESTINADAS A ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS, MERCANTÍS E INDUSTRIAIS AFECTADOS POLOS INCENDIOS NO ÁMBITO DA COMPETENCIA DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Convocatoria de axudas en réxime de concorrencia non competitiva destinadas a establecementos comerciais, mercantís e industriais, incluídos no ámbito competencial da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Código de procedemento administrativo IG100A

Obxecto e beneficiarios

1. As subvenciones reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para reparar os danos e perdas que, como consecuencia dos incendios acaecidos en outubro de 2017, se ocasionaron en establecementos comerciais, mercantís e industriais, incluídos no ámbito competencial da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as persoas físicas e xurídicas que desenvolvan actividades empresariais e/ou profesionais, incluídas no ámbito competencial desta consellería, en que se produciron danos.

3. Para estes efectos, consideraranse os danos causados nas súas edificacións, instalacións, maquinaria, bens de equipamento, vehículos, mobiliario, utensilios e existencias, sempre e cando estean afectos ás devanditas actividades empresariais e/ou profesionais.

4. Así mesmo, bonificaranse os tipos de xuro dos préstamos dedicados a financiar a restitución dos danos referenciados no anterior número 1, segundo os requisitos e procedemento establecidos nas resolucións do 14 de xullo de 2017 polas que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a bonificación dos custos do financiamento das pequenas empresas de Galicia, titulares de préstamos superiores a 25.000,00 euros e das microempresas titulares de préstamos inferiores ou iguais a 25.000 euros, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (liña pequenas empresas e liña microempresas) (DOG nº 142, do 27 de xullo de 2017).

Crédito

1. Para a concesión destas axudas destinarase unha contía de tres millóns de euros (3.000.000 de euros).

2. As subvencións reguladas ao abeiro desta sección faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1-741A-7706 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

3. No caso de esgotamento do crédito dispoñible, informarase do dito aspecto a través da páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria
(http://cei.xunta.gal) e da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

4. O investimento subvencionable será a adquisición dos activos destinados á reparación ou reposición das edificacións, instalacións, maquinaria, bens de equipamento, vehículos, mobiliario, utensilios e existencias danados polos incendios e adquiridos desde o 1 de outubro de 2017 ata o 30 de setembro de 2018.

5. A axuda será do 75 % do valor neto contable ou do reflectido no informe pericial de taxación, de ser o caso, dos elementos danados.

6. O límite máximo subvencionable por beneficiario será de 600.000 euros, e non poderá exceder os 100.000 euros no caso de existencias e os 500.000 euros no caso dos demais conceptos.

7. En función das dispoñibilidades orzamentarias e atendido o número de solicitudes admitidas, esta porcentaxe poderá elevarse ata o 100 % do investimento. Estas axudas serán compatibles con outras axudas ata o máximo permitido pola normativa reguladora dos instrumentos de financiamento en cada caso.

Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e dos danos para os que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Descargas: