ORDES MINISTERIAIS SOBRE A XESTIÓN DOS FONDOS DO PLAN DE RECUPERACIÓN, TRANSFORMACIÓN E RESILIENCIA

No BOE de data 30 de setembro de 2021 publicáronse dúas Ordes Ministeriais do Ministerio de Facenda e Función Pública que regulan o sistema de xestión dos fondos europeos contemplados no Plan de Recuperación, Transformación e  Resiliencia:
 

 

Estas normas definen o sistema de información e xestión, así como a subministración de información para facer efectiva unha avaliación sobre o cumprimento dos fitos e obxectivos contemplados no devandito Plan, tal e como esixe a Comisión Europea para transferir os recursos. 
 
A primeira Orde Ministerial establece, entre outras cuestións, o concepto de fito e obxectivo, así como os criterios para o seu seguimento e acreditación do resultado; a etiquetaxe verde e etiquetaxe dixital, dado que Bruxelas esixe destinar unha parte moi importante dos fondos a esas materias; o reforzo de mecanismos para a prevención, detección e corrección da fraude e a corrupción; ou a identificación do perceptor final dos fondos, sexa como beneficiario das axudas, ou adxudicatario dun contrato ou subcontratista. 
 
A segunda Orde Ministerial fai referencia á subministración de información e seguimento do Plan de Recuperación. O Sistema de Información é un instrumento fundamental para a execución do Plan de Recuperación, Transformación e  Resiliencia. Foi deseñado para a coordinación e seguimento do Plan polos distintos axentes implicados na súa execución -administración estatal, autonómica e local-, dando resposta ás necesidades de planificación, xestión, control e rendición de contas. 
 
Con estas ferramentas, os responsables dos distintos niveis das Administracións Públicas desenvolverán as súas capacidades de planificación, seguimento e control de proxectos de investimento público e reforzarán as súas habilidades para a xestión preventiva, en particular, as que permiten anticiparse aos problemas e tomar decisións que eviten incumprimentos.