Os concellos analizan a xestión do Camiño de Santiago no contexto da pandemia e o seu futuro coas axudas do Plan Nacional

Data: 

xoves, 29 Xullo, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias organizou, en colaboración co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, unha xornada para presentar o “ Plan Nacional Xacobeo 21-22” e debater as necesidades do Camiño de Santiago na actualidade e no futuro.

Coa participación da ministra, Reyes Maroto, e o secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, os representantes da administración local e autonómica coñeceron con detalle o plan de axudas do Goberno do Estado para o Camiño de Santiago. No eido deste acto, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, trasladou o agradecemento do municipalismo ao Goberno do Estado polas rebaixas das peaxes da AP9, o compromiso nos prazos da chegada do AVE e as medidas aprobadas onte en materia financeira e fiscal.

O obxectivo da xornada era proporcionar información e analizar as dificultades da reactivación deste produto turístico, nun Xacobeo, como o presidente da Fegamp, Alberto Varela sinalou: “excepcional por celebrarse en dous anos consecutivos e en circunstancias excepcionais por mor da COVID-19”. Neste sentido Varela salientou que  “os concellos están a facer todo o posible para que os peregrinos e peregrinas poidan desfrutar esta experiencia coa máxima normalidade e seguridade, dende habilitar aloxamentos para aqueles e aquelas que quedan sen praza nos albergues polas restricións da pandemia, ata extremar as medidas de seguridade ou os puntos de atención”.

O presidente da Fegamp puxo en valor que na nosa terra o Camiño se vive en “mais da metade dos concellos galegos que forman os dez roteiros”, e reiterou a necesidade dunha maior coordinación das tres administracións con “maior voz e peso por parte das entidades locais na toma de decisións, eido no que se materializan as políticas”. Así mesmo salientou o tirón do Camiño no sector turístico de toda Galicia máis aló dos concellos que o compoñen, xa que os roteiros son vías naturais vertebradoras e dinamizadoras, e a prosperidade dun municipio favorece o desenvolvemento da súa contorna”.

A xornada contou ademais con dúas mesas redondas nas que os representantes das entidades locais puideron debater as dificultades na xestión do Xacobeo no que va de ano e compartir ideas para seguir a potenciar o Camiño no futuro. Ademais de financiamento, os e as participantes consideraron imprescindible soporte no desenvolvemento de novos produtos e ferramentas de xestión adaptadas ás particularidades de cada municipio, para o que sinalan imprescindible unha maior interlocución das demais administracións coas entidades locais.