Data:
A Fegamp ven de pechar a primeira fase de inventario dos recursos dos que dispoñen as entidades locais galegas para acoller a refuxiados da guerra de Siria. A suma dos recursos ofrecidos por 39 concellos e 2 deputacións provinciais (Lugo e A Coruña) supera xa as 900 prazas, preparadas para ser ocupadas mañá mesmo en calquera deles. Outro nutrido grupo de concellos e deputacións xa expresaron por escrito á Fegamp a súa vontade de colaborar na acollida, malia que todavía non concretaron o número de prazas das que dispoñen, están pendentes de pechar negociacións ou presentan posibilidades incompletas en canto a súa infraestrutura.
A Fegamp xa enviou esa primeira listaxe de recursos pechada hoxe á Consellería de Benestar da Xunta de Galicia e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que son os interlocutores ante o Goberno central (que é o que ten as competencias en materia de Inmigración), tal e como se acordou na primeira reunión do Grupo de Traballo de Galicia para a acollida dos refuxiados, que tivo lugar a semana pasada. Nese grupo participan, ademais da nosa Federación, a titular de Benestar do Goberno galego, Beatriz Mato, responsables de departamentos da Xunta implicados na acollida e 4 ONGs (Cruz Bermella, Cáritas, Unicef e Accem).
A Fegamp mantén aberta a recollida de ofertas para acoller refuxiados de concellos e deputacións. Os interesados en contactar connosco deben facelo através do teléfono 981 555 999 ou por mail no seguinte enderezo: correo@fegamp.gal.