Data:

En 2023 os concellos galegos tiveron un gasto en deporte que superou os 152 millóns de euros, supondo o 5% do gasto dos concellos, e 57 euros de gasto por habitante de media
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025.- O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, participou esta mañá na inauguración da “IX Xornada de Xestión Deportiva para Pequenos e Medianos” organizada pola Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE) e a FEGAMP, coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte dá Xunta de Galicia.
Esta IX Xornada está adicada á seguridade no deporte municipal, e na súa intervención, Alberto Varela salientou que “a todos os recursos que se invisten en instalacións, materiais y profesionais do deporte, que son a mellor maneira de incentivar a práctica do deporte das nosas veciñanzas, sempre deben sumarse os investimentos necesarios para garantir a práctica do deporte con todos os recursos preventivos e de actuación urxente en caso de emerxencias”.
Para Varela, o deporte “merece atención política con maiúsculas, e que as administracións públicas atendamos o deporte incorporando factores correctores que garanten o seu acceso sen que os ingresos económicos, as distancias ou os prexuizos o dificulten” tendo en conta que “é beneficioso para a saúde das persoas, tanto fisiolóxica como psicolóxica, como espazo de socialización que é en toda as etapas da vida”.
Sobre o compromiso dos concellos co deporte, o presidente da FEGAMP destacou que “se no ano 2022 os concellos galegos tiveron un gasto en deporte que sumou máis de 128 millóns de euros, o que supuxo o 4,52% do total do gasto dos concellos, no ano 2023 esta cantidade superou os 152 millóns de euros, supondo o 5% do gasto dos concellos, e 57 euros de gasto por habitante de media, polo que é evidente que “Os concellos galegos estamos comprometidos para facer máis accesible a práctica deportiva á cidadanía, e imos seguir avanzando cara ese obxectivo en función das nosas posibilidades”.
O presidente da FEGAMP tamén anunciou o novo convenio de colaboración con AGAXEDE, que ten como finalidade contribuir á mellora da xestión municipal do deporte en Galicia, apostando polo fomento do deporte como ferramenta educativa, saudable, de turismo deportivo e de ocupación activa do tempo de lecer, e que prevé a posta en marcha do Observatorio Galego da Xestión Municipal do Deporte, como órgano de reflexión e análise.
Ao remate das súas intervencións, os presidentes de AGAXEDE e FEGAMP asinaron o novo convenio.