Os concellos galegos piden apoio ante a imposibilidade de manter limpas contra o lume as franxas de protección dos núcleos rurais

Data: 

mércores, 21 Xuño, 2017 - 13:00

Os concellos galegos piden apoio ante a imposibilidade de manter limpas contra o lume as franxas de protección dos núcleos rurais

No Consello Federal da Federación Galega de Municipios e Provincias, celebrado hoxe na cidade de Santiago, os máis de 50 alcaldes participantes coñeceron a actividade e os orzamentos anuais da entidade. Na reunión quedou patente tamén  a preocupación dos alcaldes pola imposibilidade dos concellos de manter desbrozado o perímetro de protección dos núcleos rurais ante o perigo do lume.

Esta mañá levábase a cabo o Consello Federal da Fegamp na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias en Santiago de Compostela. Nesta cita, que celebra a federación de xeito anual, informouse aos máis de 50 concellos galegos que participaron dos temas tratados durante o último ano e danse a coñecer tamén os orzamentos. Destacáronse temas como “As 100 propostas por un municipalismo xusto con Galicia e coa cidadanía” (que a Fegamp presentou na comisión de Análise das Facendas Locais) e sobre o que Alfredo García explicaba: “Estamos nun momento clave para que o municipalismo teña visibilidade no conxunto dos poderes do Estado e poida sentarse nunha mesa de negociación en igualdade de condicións, tanto co goberno central como coas comunidades autónomas, de cara á elaboración dunha nova lei que determine as competencias e os servizos que teñen que prestar os concellos e o financiamento axeitado para facelo”.

 

Na reunión fíxose patente a preocupación dos alcaldes pola imposibilidade de cumprir coa obriga de manter limpos e desbrozados os terreos que comprenden a franxa de protección dos núcleos rurais. Alfredo García aseguraba: “A obriga di que hai que desbrozar todas as parcelas a menos de 50 metros dos núcleos rurais pero para os concellos resulta imposible levar a cabo esta tarefa xa que non temos nin medios técnicos ni persoal para cumprila”. Os alcaldes acordaron no Consello Federal traballar neste ano para ter solucionada a problemática de cara ao ano que ven e para iso din que se porán en contacto co resto de administración para acadar acordos, “o noso obxectivo é que as parcelas estean limpas para evitar desgrazas como a ocorrida en Pedrógão Grande, pero para iso necesitamos axuda”, aseguraba García.

Na reunión tamén se puxo ao día aos rexedores dos avances nos compromisos adquiridos pola Xunta na Comisión Galega de Cooperación Local, na que se trataron temas coma o Pacto Local da Auga, a Cesión dos Centros de Saúde á Xunta ou a nova Lei de Administración Local de Galicia. Informouse ademais aos concellos da consecución da liquidación recalculada do céntimo sanitario, que deixa máis de 5 millóns de euros que serán devoltos aos socios da federación e puxéronse tamén enriba da mesa cuestións que ten en marcha a Fegamp como a colaboración que está levando a cabo coa Asociación Dereito a Morrer Dignamente ou o convenio de colaboración coa Fundación Cidade da Cultura que están a piques de firmar. Dende a Federación Galega de Municipios e Provincias insisten en facer fincapé na utilidade e función social de todos e cada un dos concellos de Galicia na vida diaria e na necesidade de apoio que necesitan.

Consello Federal da Fegamp 2017