Os concellos prevén o reforzar os servizos sociais para a acollida e integración de ucraínos e ucraínas

Data: 

venres, 18 Marzo, 2022 - 11:00

A Federación Galega de Municipios e Provincias informa na reunión do Comité galego de emerxencia ante a crise humanitaria de Ucraína, das situacións que están a topar os concellos galegos ante a chegada de refuxiados e refuxiadas de Ucraína.

Tras sinalar exemplos como a barreira do idioma, recoñecemento da experiencia laboral cara á integración ou a escolarización dos menores, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, solicita “protocolos claros e detallados que recollan todas as actuacións a desenvolver polos servizos sociais para atender a estas persoas, os  dereitos que se lles recoñecerán, documentación necesaria para acceder a eses dereitos, etc  e que non haxa posibilidade de dúbidas ou interpretacións”.  

O presidente da Fegamp lembrou que os concellos galegos veñen de “sufrir un test coa pandemia e xa están a xogar un papel fundamental na acollida de refuxiados e refuxiadas chegados a Galicia” e sinalou que probablemente sexa necesario reforzar os servizos sociais municipais.

Varela pediu “coordinación extrema de todas as administracións e organizacións” para ser o máis eficientes posible e ofreceu a máxima colaboración dos concellos “para o que se precise”. Respecto á oferta de aloxamento o presidente da Fegamp informou que se achega ás 2.000 prazas.