Os concellos rexeitan que as autorizacións urbanísticas resten en mans de empresas privadas con posibles intereses no negocio

Data: 

mércores, 20 Xaneiro, 2021 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias trasladou reticencias respecto diversos aspectos relacionados co borrador da proposición de Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Un punto inadmisible para os concellos é o que modifica a tramitación para pór en marcha iniciativas empresariais con actuacións de tipo urbanístico.

Segundo o actual borrador ditas iniciativas poderían desenvolverse cunha simple certificación de conformidade emitida por unha entidade de certificación e non cos preceptivos informes dos técnicos municipais que pasarían a ser facultativos.

Ademais de que as empresas certificadoras poidan ser parte interesada en dito sector de negocio, os concellos consideran que ese procedemento xerará maior número de expedientes de reposición da legalidade urbanística e unha maior inseguridade xurídica en prexuízo dos propios emprendedores empresariais.

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, trasladou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que “os concellos son conscientes da necesidade de buscar fórmulas para facilitar a actividade empresarial, pero a proposta actual obvia a realidade municipal e pode derivar en conflitos e nunha maior inseguridade xurídica”. Varela sinalou que o trámite da proposta de Lei a petición do Partido Popular de Galicia e nón a instancia da Xunta de Galicia como é o habitual, elimina o trámite información pública e por tanto limita en grande medida a posibilidade de facer achegas para que “se poida mellorar o borrador con medidas efectivas que realmente axuden ás persoas a pór os seus negocios en marcha”.