Os concellos subscriben os requirimentos de usuarios e usuarias para que se mellore a conexión ferroviaria interprovincial

Data: 

xoves, 21 Abril, 2022 (Todo o día)

A Federación Galega de Municipios e Provincias traslada ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e a operadora RENFE unha declaración institucional para que se garante a universalidade, accesibilidade e utilidade dos servizos ferroviarios de acordo ás necesidades dos galegos e galegas no seu día a día.

A iniciativa municipalista xorde logo dunha reunión do presidente da Fegamp, Alberto Varela, con representantes de usuarios e usuarias de tren e a análise da situación por parte da Comisión Executiva da Federación.

En representación dos concellos na súa procura do benestar dos seus veciños e veciñas, a Fegamp reclama a restitución dos servizos de trens suprimidos por mor da COVID e da recente chegada do AVE, en tanto que a rebaixa das frecuencias nas conexións do eixo atlántico e destas áreas con Ourense deixa á cidadanía coas súas necesidades de desprazamento sen cubrir ou con grandes complicacións no seu desenvolvemento cotián.

A Federación prega profundar na natureza de servizo público e, como tal, na obriga de lle garantir o carácter de universalidade e accesibilidade, tanto en termos físicos coma económicos. Neste sentido, a Fegamp apela a unha mellora para as persoas e para a vertebración territorial.

Así mesmo, recollendo as queixas trasladadas polos usuarios e usarias, os concellos demandan a adaptación dos horarios dos servizos para que coincidan coas xornadas laborais e escolares, melloras na puntualidade do servizo e maior flexibilidade nas políticas de abonos e na coordinación entre as distintas modalidades de transporte.