Os concellos van contar cunha liña de créditos a interese cero para a rehabilitación de vivendas

Data: 

mércores, 16 Novembro, 2016 - 10:30

O presidente da Fegamp reuniuse hoxe coa conselleira de Vivenda e Infraestruturas, Éthel Vázquez e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, que lle expuxeron a creación dun fondo para actuacións de conservación e rexeneración urbana do patrimonio construído. O obxectivo é que os concellos actuar e recuperar edificacións emblemáticas dos seus cascos históricos ou realizar outras intervencións en materia de rehabilitación.

Destinado a municipios de menos de 50.000 habitantes, e con interese cero, o fondo contará con 10 millóns de euros e estará operativo en 2017. Segundo explicaron os responsables da Xunta de Galcia, a partir de aí asinaranse convenios de financiamento con cada un dos municipios interesados, nos que se farán constar as actuacións a desenvolver, a contía da que van dispoñer, o prazo e as condicións de reintegro da cantidade percibida. Os municipios comprometeranse a incluír nos orzamentos de exercicios seguintes o reintegro destes fondos, que serán transferidos de novo á Xunta sen ningún tipo de xuro.

O presidente da Fegamp, Alfredo García, valorou a medida como positiva: "Ás veces os concellos temos moitos problemas para acometer actuacións polo remanente de tesourería, porque suporía entrar en desequilibrio financeiro. Así que é positivo poder contar cunha liña de crédito a custo cero."

A titular de Vivenda, Éthel Vázquez, confirmou que trasladará á Fegamp as condicións do proxecto para que o organismo municipalista colabore na súa redacción final.

galer_a_fotos