Os concellos ven difícil garantir normalidade o 12X cos medios e as instrucións sinalados pola Xunta

Data: 

martes, 2 Xuño, 2020 (Todo o día)

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, trasladará á Xunta de Galicia as dúbidas e peticións dos concellos cara á organización da xornada electoral do 12 de xullo. O documento recollerá as conclusións da reunión que mantivo esta tarde, -Xunta de Portavoces presente-,  cos alcaldes e alcaldesas das sete grandes cidades galegas e cos presidentes e presidenta das deputacións provinciais (a excepción da capital e deputación ourensáns que estiveron representadas polo seu tenente de alcalde e vicepresidente respectivamente).

Garantir a seguridade sanitaria e a normalidade democrática foi unha preocupación mencionada practicamente por todos os participantes. Consideran que o protocolo elaborado pola Xunta de Galicia para o desenvolvemento dos comicios deixa cuestións por resolver que poden dar lugar a contratempos que, sobre o terreo, terían que enfrontar os concellos baixo dubidoso amparo legal por cuestións competenciais.

Outro dos puntos máis reiterados foi a imposibilidade de cumprir todas as medidas do protocolo sanitario na totalidade das infraestruturas anteriormente empregadas como colexios electorais. Neste sentido,  urxen as valoracións dos técnicos de prevención da Xunta porque como sinala o presidente Alberto Varela “a maioría dos nosos colexios electorais non cumprirían esas condicións sanitarias que marca o protocolo”, e “o tempo que temos por diante inda que parece moito non vai ser así, o traballo que van ter que facer despois os concellos para preparar eses colexios electorais e como teñamos que facer moitos cambios, vai ser inxente”.  Os concellos queren que os cidadáns dispoñan de toda a información con tempo “o que non podemos e ter esa inseguridade porque tamén temos que dar a información correcta aos votantes de onde van votar. Non podemos crear que alguén estea buscando onde votar o día das eleccións”.

Un aspecto comentado por todos foi a necesidade de que a Xunta de Galicia asuma, coma entidade convocante, a totalidade dos sobrecustos xerados polas medidas sanitarias, dende a contratación de persoal á compra de mesas, paneis, xeles desinfectantes ou máscaras, etc que poidan precisarse. Cos medios e as indicacións actuais da Xunta, os concellos ven difícil garantir o cumprimento e a normalidade na xornada electoral.  Tras enviar ao Goberno autonómico as aportacións iniciais respecto a un borrador que poido analizar un día e medio, a Fegamp trasladará a valoración definitiva dos concellos do  Protocolo elaborado pola Xunta e ponse a súa disposición para traballar na procura dunha xornada con seguridade e garantías tanto para os participantes como para os votantes.