Data:

Vimianzo, 7 de xuño de 20205.- A vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, María Barral, participou na Mesa Redonda “Mulleres que lideran no ámbito político” do Foro Alza Voz de Muller, xunto coas alcaldesas de Vimianzo, Cee, Camariñas e Fisterra, entre outras participantes.
O Foro Alza Voz de Muller celebrouse durante os días 6 e 7 de xuño, promovido polo Concello de Vimianzo coa colaboración da Diputación Provincial da Coruña, para reflexionar, aprender, inspirar e impulsar novas formas de liderado, emprendemento e desenvolvemento das traxectorias profesionais das mulleres.
Na súa intervención, María Barral saudou que "con foros como este, dende a reivindicación e a mobilización permanente, as mulleres estamos a “sacudir” a nosa sociedade e as nosas institucións, sacándoas de inercias condescendientes e situándoas en clave de igualdade real a través de políticas e iniciativas con ese obxectivo", sinalando que "a FEGAMP hai tempo que se incorporou ao grupo de institucións que claramente apostan pola igualdade e polos dereitos das mulleres nos nosos ámbitos, como organización dos concellos e das entidades locais galegas".
A vicepresidenta executiva da FEGAMP salientou que "os concellos galegos avanzamos en igualdade pero temos que seguir traballando ata conseguir a paridade, como ten manifestado a FEGAMP en conmemoración do 8 de Marzo Día Internacional das Mulleres" e rematou confirmando que "a vocación do municipalismo galego é seguir avanzando nas políticas de igualdade".