Premios Axentes TIC da Rede CeMIT 2026. Prazo: 31-08-2026

Data: 

xoves, 7 Maio, 2026 (Todo o día) a luns, 31 Agosto, 2026 (Todo o día)

 

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Resolución do 21 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento AP401A).

BDNS (Identif.): 902500.

Obxecto

1. Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras para os premios Axentes TIC da Rede CeMIT (código de procedemento AP401A).

2. A finalidade deste premio é recoñecer o compromiso e o labor dos/das axentes TIC e responsables de aula, xa que fan posible unha Rede CeMIT máis eficiente e moderna, que asegura que a cidadanía conte coas capacidades dixitais para poder participar de forma máis efectiva no novo contexto dixital.

Persoas beneficiarias

1. Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas que desenvolvan labores de dinamización no ámbito dunha aula CeMIT (axentes TIC e responsables de aula da Rede CeMIT) mediante a realización de cursos, charlas, etc., e que, mediante unha declaración responsable, acrediten levar a cabo os ditos labores na aula que correspondan durante o ano en que estamos.

2. A forma de participación realizarase a título individual, agás nos casos en que existan varias persoas responsables da dinamización da aula, que poderán conformar un equipo de traballo (na categoría Axente TIC só se permite a presentación de xeito individual). O número máximo de persoas para conformar unha candidatura é de tres persoas e, neste caso, indicarase expresamente a persoa física designada como voceiro do equipo, que será a encargada das comunicacións.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Importe

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 12.000 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.571A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

2. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a dotación orzamentaria poderase incrementar sen que se realice unha nova convocatoria, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse ás bases reguladoras e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Categorías dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT

a) Espazo Maker: premiarase o/os axente/s TIC ou responsable/s de aula que levase/n a cabo a iniciativa máis creativa, orixinal e mellor desenvolta destinada á infancia, á xuventude e/ou ás persoas adultas. Poderanse presentar iniciativas en que se empreguen algúns dos seguintes complementos tecnolóxicos punteiros: lentes de realidade virtual, drons, kits de robótica, impresoras 3D ou kits de placas de comunicación e programación.

b) Maiores Dixitais: premiarase o/os axente/s TIC ou responsable/s de aula que levase/n a cabo a iniciativa máis creativa, orixinal e mellor desenvolta destinada a persoas maiores. Poderanse presentar iniciativas en que se empreguen complementos tecnolóxicos punteiros (lentes de realidade virtual, drons, kits de robótica, impresoras 3D ou kits de placas de comunicación e programación), ou calquera outra iniciativa cunha temática creativa e orixinal.

c) Axente TIC: premiarase o/os axente/s TIC que supoña un referente polo desempeño dun papel fundamental no proceso de capacitación e empoderamento da cidadanía dentro das aulas da Rede CeMIT. Con esta categoría preténdese recoñecer a dedicación profesional e pór en valor o esforzo e a dedicación das persoas formadoras, dado que desenvolven accións fundamentais de transformación dixital, contribuíndo a reducir a fenda dixital e mellorando a empregabilidade e as competencias dixitais da cidadanía. Esta categoría só permite a presentación de solicitudes con carácter individual.

As iniciativas que se presenten para as categorías de Espazo Maker e Maiores Dixitais terán que ter sido executadas no período que abarca desde o 1 de xaneiro do ano en curso ata a fin do prazo de presentación de solicitude indicado na convocatoria. Para a categoría de Axente TIC, o período de execución das actividades contarase a partir dos últimos 12 meses contados desde a data do fin de presentación de solicitudes.

Co obxectivo de facilitar o labor de verificación da data de execución destas, na solicitude deberá indicarse o ID da iniciativa ou proxecto rexistrado na ferramenta de xestión XEA.

Só se admitirá unha actividade ou proxecto para as categorías de Espazo Maker e Maiores Dixitais, entendendo por proxecto o conxunto de actividades, realizadas cun ou varios materiais, que conten co mesmo fío condutor ou temática única e uns obxectivos comúns. Polo tanto, non se terán en conta listaxes de actividades realizadas que non conformen un proxecto singular, tal e como se indica anteriormente.

Premios

1. Establécense os seguintes premios para cada categoría:

– Categorías de Espazo Maker e Maiores Dixitais:

Primeiro premio: as persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de:

a) 2.000 euros, se se trata dunha solicitude individual.

b) 3.000 euros, se a solicitude é dun equipo.

Segundo premio: as persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de:

a) 1.000 euros, se se trata dunha solicitude individual.

b) 1.500 euros, se a solicitude é dun equipo.

– Categoría de Axente TIC:

Primeiro premio: as persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de 2.000 euros.

Segundo premio: as persoas gañadoras recibirán un premio en metálico por importe de 1.000 euros.

2. Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, entrevistas para a súa publicación e diploma acreditativo de tal condición.

3. No caso de incumprimento das condicións para a concesión dos premios suporá a perda do dereito ao cobramento total ou parcial do premio, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades recollida na letra j) do artigo 14.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de agosto de 2026.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 902500): https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/902500

-Na Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Descargas: