Data:

O Plan de Formación Continua 2025 da FEGAMP comeza mañá, martes 8 de abril, o seu período de inscrición
O sistema de información xeográfica Qgis, o acoso na contorno laboral e os residuos urbanos, entre as novidades dos cursos do Plan da FEGAMP
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025.- Hoxe na Federación Galega de Municipios e provincias (FEGAMP) xuntouse a Mesa Nacional Galega de Formación. Composta polos sindicatos representativos, aprobou a proposta do Plan de Formación Continua para 2025 que vai ser desenvolto pola FEGAMP.Co esta aprobación, mañá, martes 8 de abril, comezará o período de inscrición para optar aos cursos deste Plan de Formación 2025 da FEGAMP, que nesta edición ten previsto formar a preto de mil novecentos empregados e empregadas das administracións locais. Este período de inscrición rematará o vindeiro 15 de abril.
O Plan componse de corenta e un cursos en modalidade presencial, en liña e en tele presenza, cun total de mil oitocentas oitenta prazas ofertadas a persoal das administracións locais galegas (concellos, deputacións, consorcios e mancomunidades).
Entre os contidos dos cursos atópanse materias moi valoradas en anteriores edicións como o procedemento administrativo local e as novedades tras o RD 2023/202, a prevención da violencia dixital (ciberacoso,ciberbullyng, e violencia de xénero dixital), e a aplicación práctica da Intelixencia Artificial na xestión pública local. O sistema de información xeográfica Qgis, o acoso na contorno laboral e os residuos urbanos, están entre as novidades dos corenta e un cursos do Plan da FEGAMP. Dende mañá, martes 8 de abril, poderase acceder a toda a información para a inscrición e sobre os contidos dos cursos na web da FEGAMP.
A oferta formativa da FEGAMP é moi ben recibida polo persoal das administracións locais, recibindo cada ano máis solicitudes. Na edición de 2024 recibíronse tres mil catrocentas corenta e sete solicitudes, o que supuxo un 50% máis das prazas ofertadas.
Cos corenta e un cursos deste plan, a FEGAMP sumaría os seiscentos cursos realizados dende 2008, que tamén sumarían preto de vinte dous mil participantes, o que amosa o compromiso real da FEGAMP na mellora da capacidade profesional do persoal dos concellos, deputacións, mancomunidades e consorcios.