PROGRAMA DE FOMENTO DA REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANA E RURAL DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA 2018–2021. PRAZO: 16-07-2021

Data: 

xoves, 17 Xuño, 2021 (Todo o día) a venres, 16 Xullo, 2021 (Todo o día)

 

Instituto Galego da Vivenda e Solo 

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2021 pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018–2021, se establecen as bases reguladoras das súas axudas e se abre o prazo de participación para a anualidade 2021 (código de procedemento VI408K).

Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI408K.

2. Así mesmo, mediante esta resolución establécense as bases reguladoras das axudas previstas neste programa.

3. Igualmente, por medio desta resolución ábrese o prazo de presentación de solicitudes de participación neste programa para a anualidade 2021.

Persoas ou entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas ou entidades que asuman a responsabilidade da execución integral da ARI delimitada pola actuación.

2. As persoas e as entidades beneficiarias das axudas deberán reunir os requisitos establecidos no artigo 7.2 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo.

3. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou ter a residencia legal en España, no caso das persoas estranxeiras.

4. No caso de que a persoa ou a entidade solicitante sexa unha comunidade, unha agrupación de comunidades de persoas propietarias ou unha agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos puntos anteriores deberán cumprilos todos os seus membros.

5. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada unha delas. As persoas e/ou as entidades beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda a pagar as correspondentes actuacións. Cando se trate dunha comunidade, dunha agrupación de comunidades de persoas propietarias ou dunha agrupación de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que tanto o importe da axuda coma o custo das obras deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e, de ser o caso, dos locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade ou da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias incorra nunha ou en varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, ou do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á dita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se ratearía entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias.

6. Os concellos poderán ser beneficiarios das subvencións previstas para os gastos de mantemento dos equipamentos técnicos e das oficinas municipais de rehabilitación, así como das previstas para actuacións de urbanización e reurbanización.

Para poder ser beneficiarios das subvencións autonómicas previstas nesta resolución, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas de Galicia .

7. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou aquela a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou entidade solicitante.

Participación dos concellos

Poderán participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural os concellos que teñan algunha área de rehabilitación integral (en diante, ARI) declarada no seu termo municipal. Non obstante, o IGVS poderá establecer limitacións á participación dos concellos respecto das súas ARI que xa obtivesen financiamento con cargo a convocatorias anteriores deste programa no ámbito do Plan 2018-2021. De ser o caso, estas limitacións especificaranse na resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes de participación deste programa.

De conformidade co artigo 49 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, a materialización da participación no programa terá lugar a través da formalización dun acordo específico entre o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Comunidade Autónoma de Galicia e o correspondente concello, no cal se establecerá que a devandita Administración local actuará como entidade xestora do programa. O citado acordo fixará o financiamento máximo previsto, as anualidades correspondentes ás achegas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, da Comunidade Autónoma de Galicia e os demais compromisos que deriven deste programa.

Oficinas municipais de rehabilitación

1. Os concellos que participen neste programa deberán manter unha oficina de rehabilitación para a xestión e o impulso de actuacións de rehabilitación no ámbito das áreas declaradas. Estas oficinas deberán contar cos medios humanos e técnicos suficientes para a realización das súas funcións e comunicar ao IGVS as variacións que se produzan, tanto na súa composición como nos datos de contacto.

2. As oficinas de rehabilitación tramitarán os expedientes municipais de subvencións convocadas e realizarán as xestións derivadas das exixencias deste programa, baixo as directrices e a coordinación do IGVS. Ademais, proporán as medidas necesarias para desenvolver as actuacións derivadas da declaración de ARI ou, de ser o caso, as medidas para mellorar o funcionamento da dita área. Así mesmo, asesorarán e prestarán unha atención directa, persoal e especializada ás persoas promotoras que leven a cabo as actuacións de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas.

3. As axudas que, de ser o caso, poidan percibir os concellos para o financiamento dos gastos de mantemento da oficina de rehabilitación concederanse de acordo co establecido nos ordinais vixésimo e vixésimo primeiro desta resolución.

Actuacións subvencionables

De conformidade co artigo 51 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, son subvencionables as seguintes actuacións:

1. As previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas, sempre que se acade unha redución da demanda enerxética, nos termos establecidos no citado artigo.

2. As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

3. A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.

4. A execución das seguintes obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano:

a) As de urbanización e reurbanización material dos espazos públicos, tales como consolidación, pavimentación, xardinaría, infraestruturas, instalacións, servizos de abastecemento de auga, saneamento, subministración enerxética, iluminación, recollida, separación e xestión de residuos, telecomunicacións e utilización do subsolo.

b) As de mellora da accesibilidade dos espazos públicos.

c) As de mellora da eficiencia ambiental, nas seguintes materias:

– En materia de auga, as de redución do uso de auga potable e de rega, as de xestión sustentable dos escoamentos urbanos, as augas pluviais e residuais e as de xestión de depuración e o seu retorno adecuado ao medio.

– En materia de enerxía, as de mellora da eficiencia enerxética en edificación e en servizos urbanos, as de implantación de enerxías renovables e sistemas de climatización centralizada ou de distrito, considerados eficientes segundo a Directiva 2012/27/UE, as de fomento da mobilidade sustentable e, en xeral, todas aqueloutras destinadas a reducir a demanda enerxética, as emisións de gases contaminantes e a aumentar o uso de enerxías renovables.

– En materia de xestión de residuos e uso de materiais, as de mellora da reciclaxe dos materiais, conforme os plans nacionais ou autonómicos de recollida de residuos, as de uso, tanto de materiais reciclados ou renovables en edificacións e en urbanizacións, como de materiais locais, ligados a estratexias de promoción dunha xestión sustentable do territorio.

– En materia de protección e mellora da biodiversidade, as infraestruturas verdes urbanas, como as propostas de conectividade de espazos verdes, de promoción de cubertas verdes ou de implantación de especies adecuadas ao medio.

5. As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios de vivendas e vivendas de nova construción, en substitución doutros previamente demolidos. Os novos edificios e vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.

6. As obras de construción de edificios e de vivendas, nos supostos de infravivenda e de chabolismo. Nestes casos, a edificación farase en función das unidades de convivencia residentes e das súas características e non en substitución doutros ou doutras edificacións demolidas, co fin último de posibilitar a súa inclusión social, a través do desfrute dunha vivenda digna nun contexto integrador.

7. Así mesmo, serán subvencionables:

a) O custo dos programas de realoxamento temporal das persoas ocupantes de inmobles que deban ser desaloxadas da súa vivenda habitual ou, de ser o caso, que ocupasen unha infravivenda ou unha chabola, como consecuencia da correspondente actuación. Inclúense tamén as actuacións de acompañamento social integral e individualizado das unidades de convivencia para favorecer a adecuada inclusión de cada un dos seus compoñentes no seu novo contorno.

b) Os gastos de equipamento e das oficinas de información, de xestión e de acompañamento social de actuacións subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes

Os concellos interesados en participar neste programa no ano 2021 deberán presentar a súa solicitude no prazo dun (1) mes, que se contará a partir do día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no DOG.

Descargas: