PRÓRROGA DO PROGRAMA DE REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS DO PLAN ESTATAL DE FOMENTO DO ALUGAMENTO DE VIVENDAS, A REHABILITACIÓN EDIFICATORIA E A REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS 2013-2016. PRAZO: 31-07-2017

Data: 

sábado, 1 Xullo, 2017 (Todo o día) a luns, 31 Xullo, 2017 (Todo o día)

 

Consellería de Infraestruturas e Vivenda 

ORDE do 23 de xuño de 2017 pola que se procede a abrir o prazo para solicitar a participación na prórroga do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, e se establecen as súas bases reguladoras e as das axudas autonómicas previstas para este programa.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular as condicións para solicitar a participación na prórroga do Programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante, Plan estatal 2013-2016), así como establecer as súas bases reguladoras, que tamén serán de aplicación ás novas subvencións autonómicas, complementarias das axudas estatais, para as actuacións que se realicen nas áreas de rehabilitación integral (en diante, ARI) (código do procedemento VI408K).

Participación dos concellos

1. Só poderán participar na prórroga do Programa de rexeneración e renovación urbanas os concellos que teñan algunha ARI declarada no seu termo municipal.

2. A materialización da participación no programa terá lugar a través da formalización dun acordo específico entre o Ministerio de Fomento, a Comunidade Autónoma de Galicia e o correspondente concello, de acordo co previsto no artigo 3.6 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

3. O acordo que se asinará establecerá que o concello actúe como entidade xestora do programa, fixará o financiamento máximo previsto para a respectiva ARI, así como o prazo en que o concello deberá realizar a correspondente convocatoria das axudas e os demais compromisos que deriven da prórroga deste programa.

4. A convocatoria das subvencións que realice o concello, unha vez asinado o acordo específico, deberá axustarse ás bases reguladoras aprobadas nesta orde e aos demais requisitos establecidos na normativa reguladora deste programa.

Solicitudes de participación

1. Os concellos que queiran participar na prórroga do Programa de rexeneración e renovación urbanas deberán presentar unha solicitude dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

 

BASES REGULADORAS DAS SUBVENCIÓNS DO PROGRAMA DE REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS

 

Persoas ou entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as persoas propietarias únicas de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de persoas propietarias, as agrupacións destas comunidades, os consorcios e os entes asociativos de xestión.

2. As persoas e as entidades beneficiarias das axudas deberán reunir os requisitos establecidos no artigo 6.2 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

3. Os concellos poderán ser beneficiarios das subvencións previstas para os gastos de mantemento dos equipos técnicos e das oficinas de información e de xestión e as previstas para actuacións de urbanización e reurbanización.

4. Para poder ser beneficiarios das subvencións autonómicas para os gastos de mantemento dos equipos técnicos e das oficinas de información e de xestión, os concellos deberán ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais de cada exercicio.

5. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou aquelas ás cales se lles revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

6. Non poderán obter as subvencións deste programa quen se beneficiase, dentro do ámbito da actuación, de axudas do programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal 2013-2016, de conformidade co artigo 28.3 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

Actuacións subvencionables

De conformidade co artigo 26 do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, son actuacións subvencionables a execución das seguintes obras:

1. Obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos á normativa vixente.

2. Obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano:

a) As de urbanización e reurbanización material dos espazos públicos, tales como pavimentación, xardinaría, infraestruturas, instalacións, servizos de abastecemento de auga, saneamento, subministración enerxética, iluminación, recollida, separación e xestión de residuos, telecomunicacións e utilización do subsolo.

b) As de mellora da accesibilidade dos espazos públicos.

c) As de mellora da eficiencia ambiental nas seguintes materias:

− En materia de auga, as de redución do uso de auga potable e de rega, as de xestión sustentable dos escorrementos urbanos, as augas pluviais e residuais, e as de xestión de depuración e o seu retorno adecuado ao medio.

– En materia de enerxía, as de mellora da eficiencia enerxética en edificación e en servizos urbanos, as de implantación de enerxías renovables e sistemas de climatización centralizada ou de distrito, as de fomento da mobilidade sustentable e, en xeral, todas aqueloutras destinadas a reducir a demanda enerxética, as emisións de gases contaminantes e a aumentar o uso de enerxías renovables.

– En materia de xestión de residuos e uso de materiais, as de mellora da reciclaxe dos materiais conforme os plans nacionais ou autonómicos de recollida de residuos, as de uso, tanto de materiais reciclados ou renovables en edificación e en urbanización como de materiais locais ligados a estratexias de promoción dunha xestión sustentable do territorio.

– En materia de protección e mellora da biodiversidade, as propostas de conectividade de espazos verdes, de promoción de cubertas verdes ou de implantación de especies adecuadas ao medio.

3. Obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción. Os novos edificios deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.

Así mesmo, serán subvencionables:

4. Os custos dos programas de realoxo temporal dos ocupantes legais de inmobles que deban ser desaloxados da súa vivenda habitual, como consecuencia da correspondente actuación.

5. Os gastos dos equipamentos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social de actuacións subvencionables.

Requisitos das actuacións

1. Todas as actuacións deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

2. As actuacións deberán axustarse ao proxecto ou a memoria elaborada para a súa execución.

3. No caso de realizarse actuacións en edificios de tipoloxía residencial colectiva, será requisito necesario contar co correspondente informe de avaliación, cuxo contido debe axustarse ao modelo tipo previsto no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril, así como, de ser o caso, co acordo validamente adoptado pola comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as referido á execución das obras obxecto da solicitude.

4. O prazo máximo de execución da actuación e de xustificación do pagamento das obras será o 31 de decembro de 2018, salvo que o Ministerio de Fomento estableza un prazo diferente.

5. As actuacións protexibles incluirán, para os efectos da determinación do custo total das obras, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e calquera outro gasto derivado da actuación, sempre que estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

6. O custo total subvencionable constituirá o orzamento protexido da actuación e non poderá superar os custos medios do mercado que correspondan a tales actuacións.

Subvencións estatais

1. A contía máxima das axudas contidas no Plan estatal 2013-2016 non poderá exceder o 35 % do custo subvencionable da actuación e calcularase multiplicando o número de vivendas polas axudas unitarias establecidas a continuación:

– Ata 11.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación.

– Ata 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.

– Ata 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida para as actuacións de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano (obras de urbanización o reurbanización do ámbito).

– Ata 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia que hai que realoxar, durante o tempo que duren as obras e ate un máximo de 3 anos, para as actuacións de realoxo temporal.

– Ata 500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custo dos equipos e oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

2. O importe global das axudas a cargo do Ministerio de Fomento terá o límite do financiamento máximo previsto na prórroga do convenio de colaboración que se asine entre o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia. O acordo específico que se asine na comisión bilateral de seguimento do Plan estatal 2013-2016, coa participación do concello respectivo, establecerá, en termos de máximos, o importe das axudas para a respectiva ARI.

Subvencións autonómicas

O IGVS, con cargo aos seus orzamentos, subvencionará as actuacións nas ARI declaradas na contía máxima seguinte:

– Ata 4.000 euros por vivenda obxecto da actuación de rehabilitación, sen que a subvención poida exceder o 10 % do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio.

– Ata 1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra demolida, para financiar o custo dos equipos e das oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

Descargas: