Quen Somos

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é unha entidade asociativa constituída polos 313 concellos galegos, as 4 deputacións provinciais e as 9 entidades locais menores existentes no ámbito territorial de Galicia.

A Fegamp naceu en 1988 co obxectivo de promover, representar e defender os intereses dos organismos locais galegos. Con sede única en Santiago de Compostela, a Fegamp conta cun corpo administrativo propio e cuns órganos de goberno que se renovan cada catro anos en función do mapa político municipal galego. 

A Fegamp e a Femp son asociación independentes unha da outra. Si manteñen potentes lazos de traballo e cooperación, pero tanto as súas funcións como o seu ámbito territorial, son propios.

A Fegamp respecta a autonomía local de cada un dos seus asociados e centra o seu labor diario nas funcións recollidas nos seus estatutos fundacionais:

  • Fomentar e defender a autonomía das Entidades Locais.

  • Promover, representar e defender os intereses das Entidades Locais ante outras Administracións Públicas.

  • Promover e desenvolver a cultura e lingua galegas no ámbito local.

  • Promover e reivindicar ante os correspondentes poderes públicos canto estime oportuno na orde a lograr o teito competencial das respectivas Entidades Locais.

  • Fomentar a participación cidadá na vida local.

  • Desenvolver e consolidar o espírito europeo no ámbito local baseado na autonomía e solidariedade entre os Entes Locais.

  • Defender en xuízo dos intereses da Administración Local Galega se é o caso, así como as actuacións necesarias perante o Tribunal Constitucional de acordo coa súa Lei Orgánica, en defensa da Autonomía Local.

  • Calquera outro que afecte ou incida de forma directa o indirecta ós seus asociados ou á propia Federación.

Con esta finalidade, a Fegamp ten capacidade para:

  • Establecer as estruturas orgánicas pertinentes.

  • Facilitar intercambios de información mutua.

  • Constituír servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros.

  • Organizar e participar en reunións, seminarios, congresos e xornadas de estudo e orientación.

  • Dirixirse ao poderes públicos, intervindo, no seu caso, na formulación da normativa legal que afecta os Entes Locais.

  • Promover publicacións, estudios e documentos informativos na materia da súa competencia.

Historia da Fegamp

Con 17 membros fundadores, a Fegamp naceu o 7 de outubro de 1988 e constituíuse de xeito oficial o 7 de abril de 1989. Nesta Asemblea Constituínte saíu elixido por unanimidade como presidente Xosé Castro, alcalde de Ponteareas, que permaneceu no cargo ata 1992.

O seguinte presidente electo (1992-1995) foi Xosé Luis Torres Colomer, alcalde de Ribeira. No posterior cuadrienio (1995-1999) e baixo a presidencia do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, produciuse un feito histórico que marcaría o futuro do municipalismo galego: as tres entidades que defendían con voz propia os postulados da Administración Local galega decidiron unirse.

O 22 de abril de 1996, a antiga Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Federación de Concellos Galegos (FCG) e a Federación Galega de Concellos Rurais (FCR) asinaron no Parlamento de Galicia o denominado Protocolo de Fusión e unificáronse baixo as siglas da Fegamp.

A fusión marcou un punto de inflexión cara ao recoñecemento institucional da Fegamp como único interlocutor válido do municipalismo diante doutras administracións. O seu crecente protagonismo medrou ao incrementarse o seu número de afiliados: logrou a adhesión dos aquela 315 concellos galegos, as 4 deputacións provinciais e as 9 entidades locais menores presentes en Galicia.

Convertida nun caso paradigmático en España en canto á unidade e acción do municipalismo, a Fegamp aumentou a súa carteira de servizos de cara aos seus afiliados. A nova carga de traballo fixo preciso o traslado a unha nova sede: da rúa Santiago de Chile, en Santiago de Compostela, trasladouse en 1998 ás actuais instalación na rúa Varsovia (Área Central), tamén na capital galega.

O traballo de intermediación e colaboración na defensa do municipalismo galego, fixo posible que a Fegamp acadase novos logros para as deputacións e os concellos. Durante o mandato do alcalde de Ourense Manuel J. Cabezas Enríquez (1999-2003), a Federación conseguiu fixar a participación dos concellos na recadación líquida dos ingresos propios da Xunta de Galicia, reforzando dese xeito a autonomía das facendas locais e posibilitando a consecución de maiores cotas de eficacia na xestión municipal.

O 4 de decembro de 2003, foi nomeado presidente da Fegamp o rexedor de Lalín, Xosé Crespo Iglesias (2003-2007), relevado no cargo polo alcalde de Ames, Carlos A. Fernández Castro (2007-2011). Os seguintes mandatos estiveron encabezados polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela (2011-2015) e polo alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez (2015-2019).

Dende o 29 de novembro de 2019 preside a Fegamp Alberto Varela Paz, alcalde de Vilagarcía de Arousa.

Relación de presidentes da Fegamp

1988 – 1992: Xosé Castro

1992 – 1995: Xosé Luis Torres Colomer

1995 – 1999: Julio Álvarez Núñez

1999 – 2003: Manuel J. Cabezas Enríquez

2003 – 2007: Xosé Crespo Iglesias

2007 – 2011: Carlos A. Fernández Castro

2011 – 2015: José Manuel Rey Varela

2015 – 2019: Alfredo L. García Rodríguez

2019 – 2023: Alberto Varela Paz

2023 actualidade: Alberto Varela Paz

galer_a_fotos