Rodríguez Miranda recibe aos representantes da Asociación Casa Argentina en Vigo

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá a Hugo Aloe e Ana Rosas, presidente e secretaria da Asociación Casa Argentina en Vigo. 

Esta entidade cultural fundada no ano 2008 é, na actualidade, un referente cultural para a colectividade arxentina e, ademais, leva a cabo un importante labor de acollida a todas aquelas persoas tanto de orixe arxentina como galega que chegan ou retornan á cidade olívica. 

Esta xuntanza, que servirá para manter unha estreita colaboración entre o departamento autonómico e a entidade, tamén serviu para falar da situación da Arxentina que, nestes últimos anos, está a sufrir un éxodo masivo principalmente a Galicia. Miranda aproveitou así a reunión para mostrar o seu interese por acoller e axudar en todo o posible a este país irmán que, na primeira metade do século XX, a tantos galegos e galegas acolleu.