SITUACIÓN DE RISCO POR INFLUENZA AVIARIA EN AVES 2021

Data: 

martes, 14 Decembro, 2021 (Todo o día)

 

A situación epidemiolóxica en relación á influenza aviaria está en constante vixilancia en todos os países da Unión Europea. A análise dos focos desta enfermidade comunicados polos países da Unión Europea e outros países europeos do entorno durante o ano 2021, tanto en aves domésticas como en silvestres, indican un aumento do risco de difusión do virus en Europa.
Durante o presente ano detectouse un constante goteo de focos notificados en diversos países, non só focalizados no período invernal como era esperable segundo aconteceu en tempadas anteriores, senón ao longo do todo o ano. Así. dende o 1 de xullo de 2021 e ata o 25 de novembro de 2021 comunicáronse 195 focos en aves domésticas (Alemaña, Bulgaria, República Checa, Dinamarca, Eslovaquia, Estonia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Kosovo, Noruega, Reino Unido, Países Baixos e Polonia), e 563 focos noutras aves non domésticas, incluídas as silvestres.

A situación descrita indica polo tanto un incremento da circulación do virus respecto a anteriores tempadas, debido non só á vehiculación estacional polas aves silvestres invernantes, principal fonte de risco en tempada anteriores, senón tamén, como se detectou no presente ano, a través de aves silvestres residentes nos distintos territorios. Outra diferenza observada en 2021 é que na maioría dos brotes o serotipo predominante tanto en aves domésticas como silvestres é o H5N1, en lugar do H5N8 prevalente nas tempadas pasadas. Este serotipo, ademais da elevada mortalidade que presenta nas especies avícolas, está por determinar o seu potencial zoonótico, é dicir a capacidade de causar infección na poboación humana, principalmente tras un contacto prologado e próximo con aves infectadas.

Nas últimas semanas produciuse un aumento significativo de casos detectados o que determinou que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación o pasado 2 de decembro elevara o nivel de risco de aparición do virus da influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) en España nos concellos incluídos nas denominadas Zona de Especial Risco (ZER) e Zona de Especial Vixilancia (ZEV), definidas na Orden APA 2442/2006, de 27 de xullo, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.

A este respecto, débese ter en conta que na tempada anterior, 2020-2021 detectáronse 3 focos de IAAP en España.

  • Os concellos incluídos na zona ZER son os seguintes: A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Ribadumia e, Vilanova de Arousa, todos na provincia de Pontevedra.
  • Os concellos incluídos na zona ZEV son os seguintes: Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Ribeira, Vimianzo e Zas na provincia de A Coruña, Ribadeo e Trabada na provincia de Lugo, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia na provincia de Ourense e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa na provincia de Pontevedra.

As medidas establecidas na normativa de aplicación na actual situación de risco para os territorios incluídos nas zonas ZER e ZEV, son de aplicación para calquera tipo de explotación avícola, sexa industrial, artesanal ou de pequena capacidade, así como para os currais familiares de autoconsumo. Estas medidas, establecidas na Orden APA 2442/2006, están orientadas fundamentalmente a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie.

A Consellería do Medio Rural mantén informados puntualmente destas medidas ás persoas titulares de explotacións avícolas comerciais (sexan industriais ou artesanais), a través das canles habituais de contacto co sector avícola galego. Así mesmo, e para a súa difusión a estas persoas titulares de explotacións avícolas e fundamentalmente ás persoas propietarias de currais familiares avícolas, a Consellería do Medio Rural remitiu recentemente unha carta a cada un dos concellos incluídos nas citadas zonas ZER e ZEV, á que se xuntaba un documento informativo sobre medidas de bioseguridade a aplicar nestas instalacións.

A finalidade da mesma, dado o carácter de explotación non comercial e orientada ao autoconsumo destes currais familiares, é informar ás persoas propietarias de aspectos de interese relacionados coas medidas preventivas, recomendables ou de obrigado cumprimento, segundo a localización do curral en zona ZER ou ZEV, necesarias por razóns de sanidade animal nas actuais circunstancias en relación coa influenza aviaria.
As enfermidades, humanas e animais, non coñecen barreiras administrativas, polo que ningún concello, non só os recollidos normativamente como pertencentes ás citadas zonas ZER e ZEV, esta libre da aparición dun foco de enfermidade, neste caso a influenza aviaria, polo que esta dirección xeral estima necesaria a maior difusión posible desta información xeral a todos os concellos integrados nesa federación.

Por outra banda, informar da obriga para as persoas titulares de currais familiares de autoconsumo de inscribir o seu curral no Rexistro de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural. A única finalidade deste rexistro e ter constancia da existencia do curral, como información de interese nunha situación de emerxencia sanitaria por influenza aviaria no territorio galego.

Este rexistro pode realizarse por diversas vías:

Esta información e outra de interese relacionada coa influenza aviaria está así mesmo dispoñible na web da Consellería do Medio Rural. (https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/gandaria/sanidade-animal ).