SUBVENCIÓN PARA A PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES DE DINAMIZACIÓN DA LECTURA NAS BIBLIOTECAS E/OU AXENCIAS DE LECTURA PÚBLICAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL, INTEGRADAS NA REDE DE BIBLIOTECAS PÚBLICAS DE GALICIA. PRAZO: 21-02-2022

Data: 

sábado, 22 Xaneiro, 2022 (Todo o día) a luns, 21 Febreiro, 2022 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

Orde do 20 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención a entidades locais de Galicia para a programación de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT236A). BDNS (Identif.): 605896.

Obxecto

Establecer as bases reguladoras das subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades de dinamización de lectura nas bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, e proceder á súa convocatoria para o ano 2022, no marco do programa Ler conta moito (código de procedemento CT236A).

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias desta subvención as entidades locais de Galicia que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Tamén poden ser beneficiarias as agrupacións de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns, cuxos integrantes cumpran individualmente os requisitos establecidos na orde.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As bibliotecas e axencias de lectura municipais para as que se solicita a subvención deberán estar integradas na Rede de bibliotecas de Galicia antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais, ter cuberta e remitida ao Servizo do Sistema de Bibliotecas a estatística de bibliotecas do ano 2020 (agás as creadas durante 2021 ou que reactivasen os seus servizos ao longo de 2021) e ter informatizada a súa xestión.

Importe

Destinarase un crédito total de 195.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.760.3 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Desenvolvemento do programa

1. As bibliotecas públicas para as que se conceda subvención deberán programar un mínimo de dúas actividades das incluídas no catálogo Ler conta moito 2022, que a Secretaría Xeral de Cultura ten á súa disposición na páxina http://rbgalicia.xunta.gal

2. A programación das actividades deberá realizarse coa data límite que se sinale na resolución de concesión das axudas. As actividades deben levarse a cabo en 2022, entre a data de publicación do catálogo Ler conta moito 2022 e o 25 de outubro de 2022, ambos incluídos.

3. As entidades beneficiarias están obrigadas a:

a) Poñer á disposición dos profesionais dinamizadores as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividade contratada. As actividades deben desenvolverse nas instalacións da biblioteca ou espazos anexos (no caso de compartir edificio), ou ben noutros espazos adecuados sempre que se identifique de forma clara e suficiente a vinculación entre a actividade de promoción da lectura e o servizo bibliotecario. Tamén poderán realizarse actividades a través de canles dixitais, sempre que estean deseñadas para seren programadas deste xeito no catálogo Ler conta moito 2022.

b) Organizar puntualmente cada función. A programación debe manterse actualizada no formulario electrónico correspondente para que se reflicta na axenda de actividades do programa de forma correcta.

c) Colaborar no desenvolvemento de accións complementarias á actividade programada, para o seu maior aproveitamento por parte dos usuarios e usuarias de cada biblioteca. A biblioteca velará por establecer unha relación directa e explícita entre as actividades programadas e os seus fondos (libros, música, información na rede, publicacións periódicas, etc.), de maneira que se favoreza un interese posterior por parte dos participantes pola lectura, ou que se lles facilite, de maneira sutil e lúdica, información sobre o uso da biblioteca.

d) Incorporar o logotipo do programa Ler conta moito en todas as accións de difusión ou actividades complementarias ao programa.

e) Confirmar a realización da actividade no formulario electrónico correspondente, e cubrir a avaliación da actividade desenvolvida, no prazo de cinco días desde a súa realización.

f) Publicar no blog do programa Ler conta moito polo menos unha imaxe do desenvolvemento da actividade xunto cun comentario explicativo que a acompañe, no prazo de cinco días desde a súa realización.

4. Todo o acompañamento e difusión das actividades do programa Ler conta moito farase en idioma galego segundo as normas ortográficas e morfolóxicas establecidas pola Real Academia Galega.

Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Descargas: