SUBVENCIÓNS ÁS AGRUPACIÓNS DE PERSOAL VOLUNTARIO DE PROTECCIÓN CIVIL DE CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES, MANCOMUNIDADES OU AGRUPACIÓNS DE CONCELLOS. PRAZO REACTIVADO: 11-06-2020

Data: 

xoves, 5 Marzo, 2020 (Todo o día) a xoves, 11 Xuño, 2020 (Todo o día)

 

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PR460A). BDNS (Identif.): 498162.

Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás AVPC, segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2020 en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente para posibilitar o seu funcionamento dentro dos respectivos concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia (en diante, AVPC) legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritas no Rexistro de agrupacións de persoal voluntario de protección civil ou ter presentada oficialmente a solicitude de inscrición nel; neste caso queda condicionada a concesión da subvención á efectiva inscrición, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como moi tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Teren dependencia funcional dun concello de menos de 50.000 habitantes, mancomunidade ou agrupación de concellos.

c) Xustificaren o investimento e liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e concordantes, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación comporta non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Non teren sido condenadas por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estaren ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non teren pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Cumpriren o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e contrataren un seguro de accidentes, así como de responsabilidade civil.

Importe

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de 340.000 €, con cargo á partida orzamentaria 05.25.212A.481.0, código do proxecto 2015 00106, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

As subvencións poderán ser destinadas a:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme, de acordo co establecido no Decreto 123/2014, do 18 de setembro, polo que se regula a acreditación, a uniformidade e os distintivos do persoal voluntario, e a Orde do 24 de febreiro de 2015 que o desenvolve.

2. Equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material de caixa sanitaria).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do persoal voluntario de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados cos medios e desenvolvemento do traballo e das tarefas da AVPC.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Prazo: Reactívase o prazo de presentación de solicitudes que rematará o 11 de xuño de 2020 (publicado no DOG Nº: 95, do 18 de maio de 20202).

"Continuar o prazo de presentación de solicitudes da Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, que será de 24 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia".

Descargas: