SUBVENCIÓNS AOS CONCELLOS GALEGOS E ÁS ASOCIACIÓNS DE PERSOAS PRACEIRAS DOS MERCADOS E PRAZAS DE ABASTOS PARA A CONSECUCIÓN DE MERCADOS DE EXCELENCIA. PRAZO: 14-08-2016

Data: 

venres, 15 Xullo, 2016 (Todo o día) a domingo, 14 Agosto, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 15 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos e ás asociacións de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos para a consecución de mercados de excelencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN223A). BDNS (Identif.): 311736.

Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a consecución de mercados de excelencia, a mellora dos recintos onde se desenvolva o comercio non sedentario e a posta en marcha de actuacións que permitan aos mercados aproveitar as sinerxías xeradas polo Camiño de Santiago.

Beneficiarios/as

Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nos solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Concellos galegos.

b) Asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos, legalmente constituídas, que estan situadas en concellos polos que discorran os camiños de Santiago.

Financiamento e concorrencia

Destínase un total de 330.000,00 euros, dos cales 300.000,00 corresponden á aplicación orzamentaria 09.30.751A.761.3 e 30.000,00 á 09.30.751A.781.1.

O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

Actuacións subvencionables

Considéranse actuacións subvencionables as que a continuación se especifican, sempre que estas sexan realizadas desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 19 (30 de novembro de 2016). Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación das actuacións.

Para concellos:

Consideránse actuacións subvencionables:

a) Investimentos en mercados municipais e prazas de abastos:

– Acondicionamento dunha imaxe común do mercado ou praza de abastos mediante o emprego dunha homoxeneidade na rotulación, pintura, sinaléctica, iluminación e outros elementos que abrangan a totalidade do espazo de venda das instalacións.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 60.000,00 euros de subvención por solicitante.

– Posta en marcha de servizos para os clientes, tales como carros de compra adaptados ás características das instalacións do mercado; consigna frigorífica; puntos de atención ao cliente; posta en marcha de espazos multifuncionais como creación de espazos infantís, salas de lactación e outros, que complementen a actividade comercial; mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas; creación e mellora de aparcadoiros sempre que sexan contiguos ás instalacións do mercado ou praza de abastos e mellora das condicións de salubridade, incluída a reforma integral de baños e aseos adaptados, e a ventilación/calidade do aire.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 60.000,00 euros de subvención por solicitante.

– Acondicionamento de instalacións para a creación dun servizo de envío a domicilio con «personal maker» e/ou creación e posta en marcha de novos sistemas de comercialización que combinen o comercio online e offline, poñendo á disposición dos clientes recursos tecnolóxicos, así como a implantación e actualización de páxinas web dirixidas a mellorar a comercialización dos produtos e que conten con tenda online e pasarela de pagamento. Quedan excluídas neste punto as accións de publicidade, así como os traballos de fotografía cando non exista implantación da web.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 30.000,00 euros de subvención por solicitante, agás as actuacións en novos sistemas de comercialización, que terán unha subvención máxima de 6.000,00 euros cada unha.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 60.000,00 euros de subvención por solicitante, independentemente das actuacións solicitadas.

Estes investimentos requiren a inclusión, por parte do concello solicitante, da realización de actuacións de asesoramento-formación dirixidas ao «mentoring comercial», aumento da rendibilidade do punto de venda con técnicas de «visual merchandising», colocación do produto e atención ao cliente, cunha subvención máxima de 800,00 euros, incluída na subvención máxima de 60.000,00 euros.

b) Investimentos para a adecuación física ou mellora de construcións existentes destinadas a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica.

A porcentaxe subvencionable acadará o 70 % do investimento, cun máximo de 30.000,00 euros de subvención.

Prazo

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 133752.29 KB
PDF icon DOG Nº. 133 - EXTRACTO416.16 KB