SUBVENCIÓNS A CONCELLOS DE ATA 10.000 HABITANTES PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS. PRAZO: 31-03-2023

Data: 

venres, 17 Febreiro, 2023 (Todo o día) a venres, 31 Marzo, 2023 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia 

Resolución do 9 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503D). BDNS (Identif.): 675671.

Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos en concellos de ata 10.000 habitantes cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos de Galicia de ata 10.000 habitantes, segundo as cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1037/2022, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

Importe

As subvencións obxecto desta resolución imputarase á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2015 00005, por un crédito de 3.000.000 €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar as subvencións oportunas.

Accións subvencionables

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos.

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas ou outros elementos de interese turístico.

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes nos cales a súa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten o seu contorno de protección. Estas últimas poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Ocultamento de contedores de residuos.

– Eliminación de cables aéreos e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos, que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– As destinadas a facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos.

En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

e) Sinalización dos recursos turísticos.

A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos núcleos urbanos cando esta se atope deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.

Só será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas, ao vandalismo e deberán harmonizar co contorno en que se instalen.

Os materiais e características da sinalización deberán cumprir o disposto no manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), os correspondentes manuais de homologación de sendeiros, conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo, e estar de acordo coa sinalización deseñada pola Axencia Turismo de Galicia para os centros BTT.

Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna en que se atopa o recurso. Neste sentido, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación da Resolución do 9 de febreiro de 2023 no Diario Oficial de Galicia, ata o día 31 de marzo de 2023.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 675671): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans

-Na páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-...

-Na páxina web https://sede.xunta.gal/portada e introducindo no buscador o código de procedemento.

-Nos teléfonos 981 54 01 46 e 981 54 02 61.

-No enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

Descargas: