SUBVENCIÓNS A CONCELLOS DE GALICIA E ÁS SÚAS ENTIDADES PÚBLICAS PARA O EQUIPAMENTO E MELLORA DAS INSTALACIÓNS E LOCAIS UTILIZADOS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS. PRAZO: 29-04-2016

Data: 

mércores, 30 Marzo, 2016 (Todo o día) a venres, 29 Abril, 2016 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 11 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a concellos de Galicia e ás súas entidades públicas con personalidade xurídica propia e agrupacións de concellos, para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Finalidade e obxecto

1. Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas á mellora e equipamento dos locais das corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia para o ano 2016, no que atinxe á mellora do equipamento e das dotacións técnicas dos locais destinados a actividades culturais, conforme o procedemento que a continuación se establece.

Inclúense nesta orde os equipamentos e dotacións realizados desde o 1 de xaneiro de 2016 ata a data límite de xustificación da orde.

2. Para os efectos desta convocatoria, enténdense por locais de corporacións locais e as súas entidades públicas con personalidade xurídica propia aqueles que son propiedade das citadas entidades, sitos en Galicia e que contribúan ao fomento da cultura en Galicia.

Beneficiarios

1. Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia e as súas entidades públicas así como as agrupacións de concellos, titulares de locais culturais, cunha programación estable ao longo do ano.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Imputación orzamentaria e contía

1. As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.432B.760.0 (código de proxecto 201500370) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016; o importe global destinado ascende a cincocentos mil euros (500.000 €).

2. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A dotación das axudas será destinada a:

Realización de investimentos de equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, xeral de sala, sistemas de prevención e seguridade e novas tecnoloxías, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

4. A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 30.000 euros, que en ningún caso poderá exceder o 75 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000 € ascenderá a 35.000 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar).

5. O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias; estas axudas serán compatibles, para os mesmos gastos subvencionables, con outras axudas concedidas por entidades públicas ou privadas sempre que a acumulación de axudas non supere a totalidade do custo elixible e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas, na normativa nacional e comunitaria aplicable.

En caso de que o conxunto das axudas supere o custo das actividades, esta axuda reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

Prazo

Os concellos e entidades públicas con personalidade xurídica propia que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

 

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 59 - ORDE882.83 KB
PDF icon DOG Nº. 59 - EXTRACTO425.3 KB