SUBVENCIÓNS A CONCELLOS PARA O APOIO, PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DAS FESTAS DECLARADAS DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA. PRAZO: 02-03-2018

Data: 

sábado, 3 Febreiro, 2018 (Todo o día) a venres, 2 Marzo, 2018 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se convocan para o ano 2018. BDNS (Identif.): 382965.

Obxecto

Sufraxio parcial dos investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.

Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia (DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

Non serán obxecto de subvención as festas que, ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional segundo establece a Orde ITC/1763/2006, do 3 de maio, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional (BOE núm. 135, do 7 de xuño).

Beneficiarios

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia en que se celebren durante o ano 2018 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias destas subvencións as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios nos cales se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia e reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Gastos subvencionables

Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2018.

Unicamente será subvencionable un evento por concello solicitante.

Considéranse gastos subvencionables aqueles relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa, etc.

No caso de celebración de festas gastronómicas, serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargos e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Importe

Contía de 306.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.1, proxecto 2017 00005, financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma.

As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 3.000 euros, a contía da axuda será como máximo o importe destes.

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatales, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Descargas: