SUBVENCIÓNS A CONCELLOS PARA O APOIO, PROMOCIÓN E DIFUSIÓN ÁS FESTAS DECLARADAS DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA. PRAZO: 26-03-2016

Data: 

sábado, 27 Febreiro, 2016 (Todo o día) a sábado, 26 Marzo, 2016 (Todo o día)

 

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.

Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia ( DOG núm. 12, do 20 de xaneiro).

Non serán obxecto de subvención as festas que ademais da declaración de interese turístico de Galicia, conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional segundo establece a Orde ITC/1763/2006, do 3 de maio, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional (BOE núm. 135, do 7 de xuño).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no rexistro, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2016.

Unicamente será subvencionable un evento por concello solicitante.

4. Considéranse gastos subvencionables aqueles relacionados coa promoción e a difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa, etc.

No caso de celebración de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

5. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias; os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a entidade beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

6. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se celebren durante o ano 2016 festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria.

Así mesmo, poderán ser beneficiarios destas subvencións as agrupacións que, non tendo personalidade xurídica, estean integradas por municipios nos que se celebren festas declaradas de interese turístico de Galicia reúnan os requisitos establecidos no parágrafo anterior, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do concello.

Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas ao apoio, promoción e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia obxecto desta resolución imputaranse á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.3, proxecto 2015 00006, cun crédito de 300.000 €, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de incoación.

2. As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 3.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 3.000 euros, a contía da axuda será como máximo o importe destes.

3. Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou organismos internacionais, superen o investimento total da festa.

4. A Axencia Turismo de Galicia asinou un Convenio marco coa entidade financeira Abanca para o apoio á promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co establecido no dito convenio, Abanca comprométese a contribuír ao desenvolvemento das festas de interese turístico mediante a realización dunha achega económica en concepto de colaboración, ás entidades públicas ou privadas promotoras das festas.

De estar interesados nesta colaboración, deberán manifestar a súa conformidade marcando o recadro correspondente no anexo II de solicitude. Abanca achegaría para a promoción da festa un importe de 1.500 euros, polo que o concello se obrigaría a incorporar na súa publicidade o distintivo corporativo da entidade bancaria nun lugar visible e destacado xunto coa imaxe da Axencia Turismo de Galicia.

Esta colaboración levarase a cabo a través da sinatura dun protocolo de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia, Abanca e o concello.

A achega da entidade Abanca é independente e complementaria da subvención que se pode recibir ao abeiro desta resolución.

Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Descargas: 

ArquivosTamaño
PDF icon DOG Nº. 39805.77 KB