SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FINANCIAMENTO DE GASTOS CORRENTES DERIVADOS DA REALIZACIÓN DE FESTIVAIS, FEIRAS, MOSTRAS, CICLOS E CERTAMES DE ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS DE CARÁCTER AFECCIONADO. PRAZO: 11-04-2022

Data: 

xoves, 10 Marzo, 2022 (Todo o día) a luns, 11 Abril, 2022 (Todo o día)

 

Consellería de Cultura, Educación e Universidade 

Orde do 25 de febreiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT215A). BDNS (Identif.): 613096.

Obxecto e finalidade

Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2022, de acordo co establecido na presente orde.

Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as seguintes entidades:

a) Institucións sen ánimo de lucro.

b) Entidades locais.

As axudas, no ámbito das entidades locais, están dirixidas a concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Importe

As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, seguintes: 10.40.432B.481.2 por un importe inicial máximo de 30.000 €, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro e 10.40.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000 €, para o grupo de solicitantes de entidades locais.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 6.000 €, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vai realizar. Este importe de 6.000 € ascenderá a 7.500 € cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local de acordo co establecido no artigo 3 desta orde.

Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se inclúan entre os seguintes:

a) Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte.

b) Alugueiro de espazos e equipamentos técnicos.

c) Gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais.

d) Premios e galardóns oficiais.

e) Gastos de viaxes, aloxamento e manutención das persoas participantes nas actividades propostas. Estes gastos deberán especificarse motivadamente no orzamento.

2. Os ditos gastos deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de outubro de 2022.

Prazo de presentación de solicitudes

As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Descargas: