SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FINANCIAMENTO DE PLANS DE FORMACIÓN DAS ENTIDADES LOCAIS DE GALICIA PARA O ANO 2022. PRAZO: 06-07-2022

Data: 

martes, 7 Xuño, 2022 (Todo o día) a mércores, 6 Xullo, 2022 (Todo o día)

 

Escola Galega de Administración Pública 

Resolución do 20 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación das entidades locais de Galicia para o ano 2022, no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (código de procedemento PR780A). BDNS (Identif.): 630818.

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e efectuar a convocatoria das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia para o ano 2022 no marco do AFEDAP (código de procedemento PR780A).

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia competitiva das subvencións convocadas, os concellos, as deputacións provinciais e demais entidades locais recoñecidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, que promovan plans de formación para o persoal empregado público, de carácter unitario ou agrupado, dentro do ámbito do AFEDAP.

De conformidade co establecido no artigo 6, segundo parágrafo do AFEDAP, só poderán ser beneficiarias da liña en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións convocadas as asociacións ou federacións de entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia lexitimamente constituídas ao abeiro do previsto nos artigos 120 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Financiamento. Liñas de subvencións

A asignación para as subvencións obxecto desta convocatoria para o exercicio 2022 establécese en 676.476,70 euros.

Esta resolución, segundo o principio de economía procedemental, inclúe dúas liñas de subvencións, unha en réxime de concorrencia competitiva e outra en réxime de concorrencia non competitiva, coa mesma causa, isto é, o financiamento de plans de formación para o emprego promovidos polas entidades locais e federacións ou asociacións de entidades locais de Galicia. O importe distribúese do seguinte xeito:

Descrición Aplicación orzamentaria Importe Entidades beneficiarias
Liña en concorrencia competitiva

07.81.122B.460.1       

Fondo finalista do Estado

530.668,96 euros Entidades que presenten plans de formación unitarios e/ou agrupados
Liña en concorrencia non competitiva

07.81.122B.481.0

Fondo finalista do Estado

145.807,74 euros Entidades que presenten plans de formación interadministrativos

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Máis Información

Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 630818): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index.

Na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Descargas: