Subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas. Prazo: 19-02-2024

Data: 

venres, 19 Xaneiro, 2024 (Todo o día) a luns, 19 Febreiro, 2024 (Todo o día)

 

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade 

Resolución do 27 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI461A).

BDNS (Identif.): 739241.

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero.

A súa finalidade é contribuír a que as mulleres alcancen unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable.

A contía da subvención que se concederá ás entidades locais beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, que contraten a mulleres que sofren violencia de xénero para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.

O número máximo de contratacións que se subvencionará por cada entidade solicitante establécese segundo a poboación do ámbito territorial da entidade, de acordo co seguinte:

a) Ata 5.000 habitantes: 1 contratación.

b) Entre 5.001 e ata 20.000 habitantes: ata un máximo de 2 contratacións.

c) Entre 20.001 e ata 50.000 habitantes: ata un máximo de 4 contratacións.

d) Máis de 50.000 habitantes: ata un máximo de 6 contratacións.

Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación en 1 de xaneiro de 2023.

Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000 €).

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Máis Información

-Na Base de datos nacional de subvencións (BDNS Identif.: 739241): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

-Na Secretaría Xeral da Igualdade: 

-Nas unidades administrativas de igualdade das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

-Na páxina web oficial da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal/portada 

 

Descargas: